Friday 22 de November de 2024

A Xunta destina 115.000 euros á mellora de infraestruturas e equipamentos en Bergondo, Coristanco, Mañón, Neda e Vilasantar


Será mediante a sinatura de cinco convenios de cooperación entre a Vicepresidencia e cada un destes concellos da provincia da Coruña

O director xeral de Administración Local, José Alberto Pazos Couñago, asinou cinco convenios de colaboración para a mellora de infraestruturas e equipamentos nos concellos de Bergondo, Coristanco, Mañón, Neda e Vilasantar, na provincia da Coruña. O importe total dos convenios supera os 115.000 euros.

En Bergondo destínanse 17.709 euros á rehabilitación de varios parques infantís; mentres que en Coristanco a súa axuda de 32.958 euros será para a urbanización da praza pública de Couso. Mañón e Neda reciben 20.000 euros cada un, para mellorar o acceso a Ponte Ribeiras e a ampliación da Casa do Concello, respectivamente. Por último, a Xunta destinará 17.772 euros á adquisición de marquesiñas para as paradas do bus escolar de Vilasantar.

Estes convenios asínanse ao abeiro dunha orde de subvencións da Vicepresidencia, para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais destinadas a concellos galegos en 2015. A súa contía é de dous millóns de euros, cofinanciados polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia.

Este programa, ao igual que a Xunta de Galicia, ten entre as súas prioridades “a mellora da calidade de vida nas zonas rurais” e por iso o Goberno galego decidiu apoiar economicamente a aquelas actuacións cuxo obxectivo sexa mellorar as infraestruturas e equipamentos de uso público e, por tanto, dos servizos municipais que os concellos prestan aos seus veciños e veciñas.

As actuacións subvencionables baixo esta orde eran proxectos de construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de espazos públicos -prazas, paseos, rúas, parques públicos e parques infantís-; edificios ou dependencias municipais destinados á prestación de servizos administrativos; e instalacións deportivas de uso público; así como as súas respectivas dotacións de equipamentos. Ademais, tamén eran subvencionables as instalacións, ampliacións e melloras das redes de alumeado público e a pavimentación de vías municipais que non estean incluídas no programa de mellora de camiños do concello beneficiario.