· O alcalde, Javier Gestal, e as panaderías participantes vaticinaban unha cifra de vendas de ao redor de 8.000 bocadillos cardiosaludables.
Tras dous anos de parón, a Festa do Pan de Carral volveu con máis forza que nunca. O alcalde, Javier Gestal, e as panaderías participantes vaticinaban, o pasado xoves, que se despacharían uns 8.000 bocadillos cardiosaludables ao longo da fin de semana. Os cálculos resultaron acertados, converténdose a XVIII edición nunha das máis multitudinarias da historia do evento. Así, as longas colas no posto de venda de pan e de bocadillos e nos talleres infantís de elaboración foron, sen dúbida, a estampa máis común da celebración gastronómica.
A xornada do sábado, en concreto, pechouse cunhas cifras de venda moi similares ás obtidas o día no que, tradicionalmente, rexistrábase un maior volume de vendas en anos anteriores: preto de 3.000 bocadillos despachados.
Os talleres infantís foron outra das grandes atraccións do evento, e contaron coa participación de centos de nenos e nenas que descubriron a fórmula secreta para elaborar o afamado pan de Carral. O programa ofreceu, así mesmo, música a cargo de charangas, grupos e orquestras, feira medieval, talleres lúdicos para os pequenos, espectáculos, etc.