Friday 22 de November de 2024

O Concello conclúe os traballos de mellora no firme da estrada de Bens e renova máis de 17.000 metros cadrados de pavimento


O Goberno municipal efectuou un investimento de 400.000 euros nas obras de mellora da vía e atendeu as demandas das veciñas e veciños do barrio

O Concello da Coruña, a través do Servizo de Infraestruturas, rematou esta semana os traballos para a renovación integral do firme na estrada de Bens, no tramo que conecta a praia de Bens co núcleo poboacional da Moura e a avenida de Fisterra.

A intervención, na que o Goberno de Inés Rey efectuou un investimento de 400.000 euros, levouse a cabo en máis de 17.000 metros cadrados de superficie da estrada que parte da cala de Bens en dirección á avenida de Fisterra, bordeando núcleos poboacionais como Bens, pero tamén Mazaido, A Comeanda e A Moura, así como as naves industriais da propia A Moura.

As obras, que comezaron o pasado mes de abril co fresado, saneamento e estendido da capa base na calzada e, posteriormente, coa disposición da mestura bituminosa en quente, remataron esta semana co pintado da sinalización viaria e a posta en cota das tapas das redes de saneamento.

Neste sentido, o tráfico rodado mantívose durante o transcurso dos traballos, regulado polo persoal de sinalización e tamén grazas a un sistema automático de semáforos.

Desta forma, o Goberno municipal atendeu as demandas das veciñas e veciños do barrio e renovou o pavimento dunha vía moi transitada, onde a flutuación de vehículos é habitual e pola que tamén circula a diario a frota de camións da Planta de Tratamento de Residuos Sólidos Urbanos (RSU) de Nostián.