Saturday 16 de November de 2024

Inés Rey: “A Coruña é unha cidade comprometida coa ciencia e coa súa divulgación”


Os Museos Científicos Coruñeses celebraron hoxe o Día da Ciencia na Rúa con numerosas actividades e entidades presentes en Santa Margarida

Case 14 millóns de visitantes pasaron pola Domus, o Aquarium e a Casa das Ciencias desde a apertura de ditas instalacións

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, participou este sábado no Día da Ciencia na Rúa. Este acontecemento, organizado polos Museos Científicos Coruñeses, regresou ao parque de Santa Margarida tras a súa interrupción durante a pandemia e o seu traslado provisional o pasado 2021 ao Teatro Colón para cumprir coas esixencias sanitarias. O XXVI Día da Ciencia na Rúa está organizado polo Concello, a
Asociación de Amigos da Casa das Ciencias e Cátedra EMALCSA-UDC e conta coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía – Ministerio de Ciencia e Innovación.

Inés Rey amosou o compromiso do seu Goberno municipal coa ciencia e a educación de calidade. “A Coruña é unha cidade comprometida coa ciencia e a súa divulgación”, sinalou.

A alcaldesa apuntou que ese compromiso vese reflectido no número de visitantes que pasaron ata este 2022 polos Museos Científicos. En total, foron 13.676.000 persoas, sumando os máis de 6 millóns do Aquarium Finisterrae, os 4.070.000 da Casa das Ciencias e os 3.560.000 da Domus, cifras que evidencian o esforzo realizado desde o Concello para contribuír á divulgación da ciencia entre persoas de todas as idades.

O traballo diario do servizo municipal de Museos Científicos culmina coa celebración deste Día da Ciencia na Rúa, que se celebra na cidade desde hai 26 anos. “Levan a cabo un enorme traballo de divulgación entre a mocidade que ve os seus froitos no día de hoxe”, sinalou Inés Rey, que estivo acompañada de Marcos Pérez, director dos Museos Científicos Coruñeses.

Un total de 35 entidades educativas estiveron presentes este sábado no parque de Santa Margarida. Ademais, numerosas entidades de distintos ámbitos da ciencia tamén contan cos seus postos e expositores para amosar o seu traballo. A xornada culminará coa entrega dos premios Javier Novelle ás iniciativas máis destacadas. Estes galardóns levan o nome do grande impulsor desta xornada festiva. Por outra banda, a entrada aos museos durante a xornada de hoxe é gratuíta e a programación do Día da Ciencia na Rúa complétase con actuacións musicais, desfiles e outras actividades lúdicas no parque de Santa Margarida.