Trátase dun documental sobre a figura de Luz Fandiño, unha poeta, activista, feminista e emigrante que viviu as realidades máis duras do século XX, e tamén as deste século XXI, posto que segue mantendo unha intensa axenda aos seus 91 anos.
O de “poeta analfabeta” non é un cualificativo despectivo, senón a maneira en que a propia Fandiño segue referíndose a si mesma como creadora autodidacta que escribe a diario desde 1960 e imposible de encadrar en ningunha corrente.
A realizadora Sonia Méndez réndelle homenaxe a Luz Fandiño contándonos a historia da súa vida, a súa loita política e a súa obra poética, tentando reflectir ademais “todo o que Luz xera ao seu redor, porque para moita xente Luz é un referente, case unha icona”.
Como anticipo do que se poderá ver o domingo podemos escoitar esta entrevista coa directora publicada no podcast Café Derby 21. Nela Sonia Méndez explica como descubriu “unha muller excepcional cunha vida incrible” á que se refire como “activista punki”.
Segundo explica Méndez no podcast, Luz Fandiño “é unha muller excepcional” que atopou na identidade galega e na escrita “un refuxio nunha vida durísima”. Filla de nai solteira republicana “e revolucionaria” na posguerra, Fandiño pasou “fame de ler e de comer, e non sei cal das dúas foi máis dura’, comentáballe a propia poeta a Belén Regueira nestoutra entrevista no Diario Cultural da Radio Galega.
Emigrou moi nova, parando primeiro na Arxentina e despois en Francia antes de regresar a Santiago. Escribe poesía desde os anos 60, todos os días, despois de empezar a ler a Rosalía e Cabanillas. “Sempre reflexando o que pasa no mundo, o que pasa en nós…e como nos queren facer tragar pedras de muíño”, apunta Luz Fandiño sobre a temática que tingue a súa creación, reflexo á súa vez do seu compromiso feminista e político. “É unha muller que está moito máis á esquerda que a esquerda, incorruptible nos seus ideais”, di dela Sonia Méndez.
O documental “A poeta analfabeta”, premiado co Luisa Villalta en 2019, proxectarase en Moeche este domingo gracias á colaboración da área de Igualdade da Deputación da Coruña. A entrada é gratuíta e non require inscrición previa. O pase comezará ás 17:30h no Centro Cultural Francisco Piñeiro, en Abade, e encádrase nas actividades co gallo das Letras Galegas.