Saturday 16 de November de 2024

Regreso ao pasado. O Culleredo de José Ramón Rioboo.


– O proxecto presentado polo Concello para o Pazo dos Correa confirma o nulo interese do Goberno Rioboo por aprobar o novo PXOM e a súa querencia por un concepto de urbanismo anclado no pasado.

– O proxecto desbarata as previsións de preservar un espazo verde de gran valor para o desfrute dos veciños e veciñas de Vilaboa.

– Ingnóranse as advertencias da Xunta sobre o impacto da construción de edificios de até 6 alturas nun entorno con vivendas unifamiliares e edificacións catalogadas.

– O BNG solicitará o acceso e a publicación na Sede Electrónica de todo convenio existente entre os propietarios dos terreos e o Concello e elaborará un documento de alegacións que poñerá ao dispor da veciñanza.

Vimos de nos enterar dun proxecto no que o noso alcalde disque levaba meses traballando. Meses nos que non acudía aos Plenos, Xuntas de Voceiros nen comisións informativas. Meses nos que se ausentaba do seu traballo, no que ten un réxime de adicación exclusiva. Neses meses estaba “colaborando” cunha promotora urbanística propiedade do Banco Santander e do grupo Blackstone e parece que mesmo os animou a desenvolver o proxecto antes de que se aprobara o novo PXOM.

O proxecto anunciado afecta a un ámbito á beira do Camiño de Santiago, rodeado de construcións unifamiliares e edificacións catalogadas, como son o Pazo de Vilaboa, a Vila dos Ramallal ou o propio Pazo dos Serrano. As construcións previstas, de até 6 alturas, xerarán un impacto significativo sobre estes bens, aspecto sobre o que a Xunta xa incidiu na memoria ambiental do PXOM en trámite.

Co novo proxecto o impacto, lonxe de reducirse, increméntase. Exemplo disto é a Rúa do Souto, onde se propón que a edificación se eleve 20 metros sobre o nivel da propia rúa.

O proxecto desbarata as previsións do novo PXOM de dotar o núcleo de Vilaboa dun espazo verde para o desfrute da súa veciñanza, conservando a gran variedade e cantidade de arborado existente, dotado dun incalculábel valor paisaxístico (como se recoñece no propio proxecto).

Confírmase o nulo interese do actual alcalde na aprobación dun Plan Xeral que leva sen avances significativos dende a súa entrada no goberno municipal, esquecido nalgún caixón, malia as súas reiteradas promesas e anuncios de aprobación inminente. Parece confirmarse tamén a súa querenza por un urbanismo ancorado no pasado, na era dos pelotazos urbanísticos e do todo vale, fronte a unha concepción moderna do urbanismo que prime o benestar dos veciños e veciñas.

O BNG de Culleredo procederá a elaborar un documento de alegacións, que será posto ao dispor da veciñanza, para reclamar a preservación deste espazo de inmensa riqueza arquitectónica e natural. Ao mesmo tempo, solicitará a publicación na sede electrónica do Concello de calquera convenio existente entre este e os propietarios dos terreos.