O vindeiro día 16, en dúas quendas en horario diurno e nocturno, o actor e guía turístico Suso Martínez amosará ás persoas visitantes todos os segredos literarios que garda un dos espazos máis emblemáticos da cidade
O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Medio Ambiente, organiza para o vindeiro luns 16 de maio, na previa do Día das Letras Galegas, unha xornada especial dos percorridos guiados no cemiterio de Santo Amaro, un espazo emblemático da cidade que neste 2022 cumpre 210 anos.
A concelleira de Medio Ambiente e Sostibilidade, Esther Fontán, destacou o éxito obtido polas visitas nocturnas ao cemiterio de Santo Amaro desde a posta en marcha dos percorridos: “Acadaron un notable éxito desde o seu inicio, cubríndose sempre as prazas dispoñibles para coñecer, de noite, un cemiterio cun destacado valor histórico e cultural, único en Galicia e recoñecido internacionalmente.
Neste sentido, e co gallo do Día das Letras, o cemiterio de Santo Amaro acollerá dúas sesións especiais do percorrido —a primeira, en horario diurno; e a segunda, en horario nocturno— nas que o actor e guía turístico Suso Martínez achegará ás persoas visitantes a figuras relevantes da cultura e literatura galegas, todas elas vencelladas ao cemiterio, onde repousan Manuel Murguía, Eduardo Pondal, Luís Seoane e Curros Enríquez, entre outros.
“Santo Amaro é un panteón das Letras Galegas, onde pervive o legado de auténticos xigantes. E esta primeira visita, ás 16.30 horas, enfocarase en autores fundamentais da nosa lingua, asociados a un período tan relevante como o Rexurdimento. Durante o percorrido repasaremos e recitaremos, ademais, parte da súa obra”, sinala Suso Martínez.
Na segunda quenda do día, que terá lugar ás 21.00 horas, xa en horario nocturno, Martínez volverá interpretar a Fiz de Cotovelo, unha ánima en pena, guía da Santa Compaña e personaxe célebre de Wenceslao Fernández Flórez na obra ‘O Bosque Animado’, amosando aos visitantes os segredos que garda un dos cemiterios máis antigos de Europa.
Será unha visita especial, en clave literaria, “con historias contadas entre as tebras da noite de Santo Amaro”, apunta Suso Martínez.
Un total de 20 prazas dispoñibles por visita
O actor e guía turístico Suso Martínez pon en valor a continuidade das rutas teatralizadas no cemiterio de Santo Amaro, “un lugar cheo de personaxes ilustres que, tamén desde o punto de vista monumental, é un dos máis importantes do continente, ademais da arquitectura histórica representada na Cidade dos Mortos”.
Como é habitual, as actividades previstas nos dous percorridos especiais na véspera do Díadas Letras Galegas estarán limitadas a un máximo de 20 persoas por grupo, que deberán
inscribirse, achegando os seus datos persoais, a través da plataforma habilitada polo Concello.
O prazo de inscrición estará aberto desde as 00.00 horas do luns, día 9 de xuño, ata as 14.00 horas do vindeiro día 13.