Arrincamos o 12 de maio coa posta en escena de “Libre como os paxaros”, o espectáculo máis rosaliano da compañía Teatro do Atlántico
Ademais dos xardíns, que podemos ver estes días cheos de cor, en maio tamén florecen as nosas letras. Arredor do día grande da literatura galega e este ano tamén da figura de Florencio Delgado Gurriarán, en Carballo desenvolveranse actividades con forza para que todas e todos poidamos celebrar o 17 de maio como a gran festa que é da cultura galega.
O Programa das Letras reúne a oferta cultural do mes de maio, porque a través do teatro, da música, da arte e mesmo da natureza, podemos seguir fomentando o amor pola nosa lingua e pola nosa literatura. As concellarías de Cultura e Normalización Lingüística, coa colaboración do movemento asociativo e de institucións como a Deputación da Coruña, convídante a desfrutar de todas as actividades que atoparás no folleto anexo, e do que che ofrecemos de seguido algunhas pinceladas.
TEATRO, MÚSICA E MÁIS!
Arrincaremos o xoves 12 con teatro. A compañía Teatro do Atlántico representará ás 20.30 horas, no Pazo da Cultura, o espectáculo Libre como os paxaros, no que os textos de Rosalía de Castro están presentes nos acontecementos cotiáns da sociedade contemporánea.
Ademais desta función, na que colabora a Deputación da Coruña, en maio volven os Ratos de Lonxedetodo e estreamos o Ciclo Marusía Escénica, no que participarán, a xeito de intercambio, grupos de teatro afeccionado de Sada, Bergondo, Oleiros e Carballo. O noso concello estará representado por Vagalume Animación, que ademais de participar no ciclo intercomarcal, realizará as habituais funcións de fin de curso: 8 en total.
Tamén poderemos ver sobre o escenario aos actores e ás actrices da Aula de Teatro Municipal, que o 3 de xuño ofreceranos distintos traballos creados, individual e colectivamente, ao longo do curso.
O curso está a piques de rematar tamén no Conservatorio Profesional de Música do Concello de Carballo, que ten preparados dous concertos para os días 13 e 27, este último coma homenaxe ao que foi director do centro Juan Otero, finado o 26 de setembro do ano pasado.
En maio volverá tamén o Curruncho Pop para seguir animando as tardes de sábado na Biblioteca Rego da Balsa, nesta ocasión cun Magín Blanco diferente.
O Programa das Letras de Carballo está composto por unha vintena de actividades ente as que tamén teñen cabida o audiovisual e a fotografía, ademais das propostas que nos achegan as asociacións Arume, que retoma os seus Encontros Culturais, ou Senda Nova, que segue desfrutando da Primavera en Ruta.
17 DE MAIO
Para o día grande, a Concellaría de Cultura ofrécenos un menú de Letras na Rúa, un programa que aglutina diversas actividades para o público adulto e familiar que se desenvolverán entre a Praza do Concello, o Xardín Municipal e a rúa Coruña (en caso de choiva trasladaranse ao Mercado Municipal).
Esta é a proposta:
A partir das 11.00h, poderemos asistir a un contacontos da man de Caxoto, que presentará O Garoto de Ipanema, unha bonita historia sobre a vida de Florencio D. Gurriarán.
Á mesma hora empezará o reparto de papel e pinturas, porque chega tamén a 40ª edición do Concurso Infantil e Pintura Luís Calvo, que organiza a asociación cultural Lumieira.
E ás 12.00 h soará a música de Golfiños. Co espectáculo O soños dos golfiños, os máis cativos viaxarán por un mar de músicas cun repertorio moi variado, cantando novos temas e lembrando as súas cantigas de sempre. Colabora a Deputación da Coruña.
Como xa é tradicional, nesta xornada tamén estará presente a música, e este ano dun xeito moi relevante, xa que, á parte de contar coa intervención da Banda Municipal de Gaitas, que dirixe Jesús Moreira, e para rematar as actividades organizadas directamente polo Concello o 17 de maio, a Banda Municipal de Música de Carballo, dirixida por Javier Bardanca, interpretará o tradicional Concerto das Letras ás 13.00 horas na rúa Coruña.
FÁLAME!
Correlingua, que volve a ser este ano unha das grandes actividades arredor da lingua nos centros educativos galegos, chega a Carballo para celebrar o Día das Letras co lema Fálame!. Concertos, obradoiros, regueifas e outras actividades arredor da lingua desenvolveranse o día 18 nesta festa para centros de ensino organizada por CIG-Ensino, AS-PG e a Mesa pola Normalización Lingüística coa colaboración das concellarías de Normalización Lingüística e Cultura e da Deputación da Coruña.