O día 14 faremos unha saída a pé ata Bértoa, con visitas incluídas á Canceira Municipal e ao Hotel do Can, e o día 15 iremos en bici ata Razo
A vindeira fin de semana a rúa volverá a ser túa para que desfrutes das actividades que ten programadas a Concellaría de Mobilidade. Despois unha primeira experiencia centrada no ocio infantil, no que aprendemos a coidar ás nosas mascotas cun can feito de globos e convertemos as rúas do centro nun gran circuíto de bicis e patinetes, as próximas iniciativas van dirixidas a un público un pouco máis maior: mocidade e adultos/as.
“Esta finde a rúa é túa” inclúe dúas actividades para os días 14 e 15 de maio, e na primeira volverá a ter moito protagonismo o mellor amigo do home. O sábado convidámoste a participar nunha ruta a pé que iniciaremos ás 10.30 horas e que nos levará dende o aparcamento do Centro Comercial Bergantiños-Gadis Híper polas sendas do proxecto Cicl-Ando Carballo ata o polígono de Bértoa, e dende alí, despois de realizar unha breve visita á Canceira Municipal para que coñezas aos nosos amigos máis peludos, continuaremos ata A Ponte de Bértoa para visitar as instalacións do Hotel do Can, onde están aloxadas moitas das mascotas que recolle o servizo municipal de lacería porque na Canceira Municipal non hai sitio para elas. A ruta continuará dende ese punto ata o Paseo do Anllóns, que nos levará polo Bosque do Añón ata o centro urbano. Serán, en total, algo máis de 9 quilómetros de percorrido, pero para que se vos faga un pouco máis livián entregarémosvos na saída unha mochila con auga e froita, unha camiseta e unha pulseira reflectante.
Tamén teremos un kit de “supervivencia” para os/as participantes na ruta en bici que temos preparada para o domingo 15, e na que contaremos coa colaboración do Club Ciclista Carballo Vázquez y Reino. A saída será á mesma hora e dende o mesmo lugar que a ruta a pé, e neste caso tamén utilizaremos as sendas do proxecto Cicl-Ando para desprazarnos ata Razo, onde faremos unha pequena parada para entregarvos as mochilas e recuperar forzas.
A participación en todas as actividades de “Esta finde a rúa é túa” é aberta e de balde. Non é preciso inscrición previa. Simplemente achégate ao aparcamento do CCB-Gadis Híper antes da hora fixada e únete ao pelotón!