Friday 22 de November de 2024

A Xunta concede unha achega para elevar a seguridade no acceso á praia de Coroso e o aparcamento á altura do cámping


O Concello de Riveira vén de recibir unha axuda da Axencia de Turismo de Galicia para realizar unha actuación de mellora do acceso e máis o aparcamento na praia de Coroso, preto do camping alí situado. A subvención -enmarcada nunha liña de achegas dirixida ao fomento da accesibilidade e sinalización dos recursos turísticos- elévase ata os 34.687,25, dos cales o 75% son fondos Feader (Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural).

A obra ten por obxecto ampliar o ancho da calzada para que os vehículos poidan circular en ambos sentidos con suficiente espazo (actualmente conta cun ancho de 3 metros), ademais de colocar novas beirarrúas que permitan aos peóns camiñar sen risco. Tamén se prevé a redistribución das prazas do aparcamento para que están dispostas dun xeito máis eficaz.

Ademais, realizaranse labores de desbroce dos sobreanchos e acondicionarase a superficie a pavimentar.

O importe total da obra ascenderá a 60.240,56 euros, IVE incluído. O prazo de execución son dous meses.