A obra de Arthur Rimbaud baixo a perspectiva de Teira e Cartea chega á casa da cultura Raquel Fernández Soler pobrense en formato pictórico e literario. A instalación municipal alberga dende o 6 ata o 31 de maio unha exposición composta por unha serie de ilustracións elaboradas por Manuel Teira e inspiradas nos libros do bardo francés Iluminacións e Unha tempada no inferno. Un total de 35 creacións, das cales 12 figuran no volume impreso que compila ámbolos traballos poéticos con tradución e notas a cargo de Manuel Cartea e prólogo de Xesús Laíño. Recóllense así poemas cuxo espectro temático varía dende un carácter visionario a escenas autobiografías cun marcado ton dramático.
A dita obra conxunta presentouse nesta mesma tarde nun acto organizado por parte da Concellaría da Cultura e da asociación cultural Barbantia, coa colaboración da A.C. Escola de Música da Pobra do Caramiñal, ao abeiro da programación do Maio das Letras. Na cita interviñeron os propios creadores e prologuista, así como a edil da Cultura, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), e a vertente musical da cita veu da man de Tania Davila López ao piano.
As visitas á mostra pódense efectuar de luns a venres, en horario de 11.00 a 13.30 e de 18.00 a 21.00 horas.