— O acto serviu para recoñecer o traballo de 35 traballadores sociais, das que 18 pertencen ao SAF
— A Xunta aprobou a finais do ano pasado un incremento histórico, que permitiu aumentar a súa achega a esta prestación dos 9,7 euros a hora vixentes ata o momento aos 12 que destinará a este fin en 2024
A conselleira de Política Social en funcións, Fabiola García, participou esta tarde na homenaxe que o Concello de Curtis rendeu a 35 traballadores sociais do municipio, das que 18 forman parte do persoal do Servizo de Axuda no Fogar (SAF). Durante a súa intervención salientou que é a suma de esforzos entre a Administración pública, a través da achega de recursos, e as traballadoras a que fai do Servizo galego de Axuda no Fogar o mellor do país.
Fabiola García agradeceu ás persoas que fan posible cada día a prestación deste recurso a súa profesionalidade e empatía durante os momentos máis duros da pandemia, nos que deixaron “a un lado as súas propias necesidades para atender ás dos demais”. A titular da Política Social sinalou, neste sentido, que todas elas contaron sempre co apoio do Goberno galego, que loitou por manter este servizo activo en todos os concellos de Galicia, priorizou a vacinación do seu persoal e aprobou un incremento histórico da súa achega económica.
Investimento de 70 millóns de euros
Grazas a este importante pulo, que se traducirá nun investimento acumulado de 70 millóns de euros ata 2024 a Xunta pasará de financiar cada hora de prestación do servizo con 9,7 euros a hora a achegar 12 euros. Trátase dunha suba gradual que se empezou a aplicar con carácter retroactivo a todo o exercicio 2021 e que está a beneficiar a todos os concellos de Galicia. Foi, ademais, unha medida que veu precedida por un incremento previo de horas para garantir que todos os concellos galegos poidan atender a todas as persoas con dependencia recoñecida que residen en cada municipio.
Estas medidas permitiron garantir a mellor atención posible a todos os usuarios do Servizo de Axuda no Fogar, facilitar e animar aos concellos a establecer unhas condicións de traballo dignas para todos os traballadores, e estender este servizo a todas as persoas cun grao de dependencia recoñecida que o precisen en todos os municipios de Galicia.