O Concello avanza nas obras de accesibilidade na zona do Alto do Castiñeiro, cunha intervención que neste caso permitirá regular a aliñación na estrada de Castela, concretamente á altura dos números 278-286. A alcaldesa, Marián Ferreiro, explicou que se trata dunha actuación realizada tras chegar a un acordo cos titulares da parcela afectada e enmarcada no plan de investimentos do actual exercicio. “A proximidade ao centro de saúde urxía esta intervención, que se acomete nun treito duns trinta metros de beirarrúa na marxe dereita da calzada, donde se estreitecía a beirarrúa dificultando o tránsito peonil pola zona”, indicou.
A rexedora local apuntou que a materialización dos traballos permitirá que a beirarrúa pase de 2,80 a 6 metros de ancho e incidiu na importancia de acometelos pola proximidade tanto do centro de saúde, o que incrementa o tránsito peonil pola zona, como dunha parada de autobús. Ao tempo que se amplía o ancho da beirarrúa tamén se procederá a pechar o acceso á parcela afectada, restablecéndoo de igual xeito ao que se atopaba con anterioridade. A maiores, explicou, tamén se inclúe a nova canalización para soterrado da liña eléctrica dende a esquina do edificio ata o poste de acometida do vial do centro de saúde, a reforma e posta a cota das tapas, recolocación de sinais de tráfico e puntos de alumeado, entre outras intervencións contempladas no proxecto.
O Concello destinou un investimento duns 30.000 euros a esta intervención, que se prevé que estea rematada nas vindeiras semanas.