Saturday 16 de November de 2024

A Pobra busca favorece-la inserción laboral das persoas con diversidade funcional a través dun novo itinerario formativo


Na súa aposta pola adquisición de coñecementos orientados a acadar unha inserción no mundo laboral, a Concellaría do Desenvolvemento Local da Pobra do Caramiñal e a FSC Inserta volven sumar forzas e deseñan un itinerario formativo dirixido a persoas con diversidade funcional.

Ao acto de presentación asistiron a concelleira do Desenvolvemento Local, Amparo Cerecedo (BNG), e Mauricio Martínez e Sandra Mujico, coordinador e orientadora laboral da FSC Inserta respectivamente. O programa consta dun total de tres cursos que se impartirán nos vindeiros meses na Casa da Mocidade e que contan co cofinanciamento da Fundación ONCE e do Fondo Social Europeo.

O primeiro deles será o de limpeza en instalación e equipamentos industriais, composto dun total de 110 horas lectivas, cuxa fase teórica se desenvolverá do día 30 de maio ao 22 de xuño, mentres que a práctica irá do día 23 ao 30 de xuño.

A segunda acción está vencellada ao mundo do mar e focalizarase na recepción e procesamento de peixes e mariscos, cun total de 160 horas que se repartirán da seguinte maneira: do día 1 ao 29 de xullo terá lugar o eido teórico e a parte práctica transcorrerá do día 1 ao 12 de setembro.

E, finalmente, a formación sobre manipulación de cargas con carretas elevadoras, traspalés e de man abranguerá o período do día 19 de setembro ao 25 de outubro, cun total de 130 horas entre teoría e práctica.

O prazo para se anotar permanecerá aberto dende este mesmo 6 de maio. Cada curso conta con 15 prazas e a matrícula débese formalizar mediante o teléfono de contacto 981554483 ou o Servizo de Orientación Laboral do Concello, que tamén se habilitan para solicitar información. As persoas aspirantes deberán estar en posesión do certificado de discapacidade igual ou superior a un 33% ou ter recoñecida a incapacidade por profesión habitual.