Friday 22 de November de 2024

Retirados 180 metros cadrados de invasoras e 50 quilos de residuos no entorno da Madalena


Na actividade de voluntariado ambiental colaboraron traballadores da consultora ALDABA, o Grupo Naturalista Hábitat e o Concello de Cabanas

Un total de 33 voluntarios, traballadores e familiares da consultora ALDABA, coordinados polo Grupo Naturalista Hábitat, realizaron unha actividade de voluntariado ambiental na praia e piñeiral da Madalena. Na actividade tamén colaborou o Concello de Cabanas, a través das áreas de medio ambiente e servizos, prestando asistencia loxística.

Na praia da Madalena o voluntariado, repartido en tres grupos, realizou tarefas de retirada e análise dos residuos, xuntando 48,5 quilogramos de refugallos compostos por restos de cordas, redes, máscaras, plásticos e aluminio. Destaca ademais a presenza dun alto número de cabichas (326), tapóns de botellas (52) e bastonciños (30).

Por outra banda, no Piñeiral da Madalena retirouse unha superficie estimada de 180 metros cadrados ocupados pola especie invasora Vinca difformis (herba da envexa), eliminando así toda a problemática detectada por esta planta na contorna.

“Actividades coma esta son imprescindíbeis para concienciar sobre como tratamos os nosos residuos e a problemática que supoñen as especies invasoras no noso entorno”, sinalou o tenente alcalde e concelleiro de medio ambiente, Iago Varela, quen tamén agradeceu o traballo levado a cabo polo voluntariado de ALDABA coordinado por Hábitat.