Os novos estacionamentos facilitarán as compras rápidas e os labores de carga e descarga comercial
Ao tempo que continuamos acondicionando novos aparcamentos de longa duración en distintos espazos urbanos próximos a zonas comerciais e de servizos, dende a Concellaría de Mobilidade estamos a traballar tamén noutras fórmulas de estacionamento limitado que reforcen ese obxectivo de dinamización da actividade comercial.
Coincidindo co 20º aniversario da zona azul, que se implantou no ano 2002 e foi gañando terreo ao longo de todo este tempo na paisaxe urbana grazas á boa acollida que tivo tanto entre o empresariado coma entre a clientela do comercio local, a Concellaría de Mobilidade habilita áreas de aparcamento “exprés” nas contornas das farmacias e outras zonas comerciais.
Mentres na zona azul o estacionamento está limitado a 90 minutos, nos aparcamentos “exprés” o obxectivo é facilitar as compras rápidas permitindo o aparcamento de turismos durante un máximo de 10 minutos. Esta fórmula, que xa se viña aplicando, por exemplo, na rúa Gran Vía, xunto ao Mercado Municipal, ou na Valle-Inclán, estenderase agora ás contornas de todas as farmacias.
A petición, precisamente, dun establecemento deste sector vimos de habilitar unha nova área de aparcamento “exprés” na rúa Vitoria. Aproveitando esta mellora ampliamos a zona de carga e descarga, respondendo tamén a unha demanda do comercio da zona, e agrupamos os contedores en dúas illas verdes situadas nesa mesma rúa e na veciña Ponte.
Con este sistema optimizamos o aproveitamento das zonas amarelas, que terán triplo uso: de 07.00 a 12.00 horas, para carga e descarga de vehículos de mercadorías; de 12.00 a 20.00 horas, parada “exprés” de 10 minutos para todo tipo de vehículos, e de 20.00 a 07.00 horas, para estacionamento libre. O obxectivo é dotar a área urbana de aparcamentos máis eficientes, que poden ser utilizados por un maior número de usuarios/as ao longo do día e tamén se habilitan como estacionamento fóra do horario comercial.
Os novos aparcamentos “exprés”, que reforzan a aposta do Concello de Carballo por unha ampla rede de estacionamentos gratuítos próximos ás zonas máis comerciais, seguirán estendéndose nos vindeiros días polo ámbito urbano.