O Concello de Santiago realizou actuacións de mantemento, entre o 1 de xaneiro e o 20 de abril, sobre 69 beirarrúas de distintos barrios da cidade. Son datos aportados polo concelleiro de Barrios e Obras, Javier Fernández, quen anunciou que a próxima semana está previsto que comecen os traballos de pavimentación de rúas. Explicou ademais, que xa comezou a roza de viarios municipais e que está en licitación o contrato de desbroce de parcelas municipais que, como en anos anteriores, se lle adxudicará a centros especiais de emprego.
O concelleiro Javier Fernández compareceu en rolda de prensa para informar sobre actuacións de mantemento realizadas no que levamos de ano, e as previstas para o resto do exercicio en rúas e beirarrúas; así como os traballos de roza e desbroce que se están levando a cabo desde o departamento que dirixe. Aclarou que deste balance quedan fóra as actuacións realizadas na zona rural e na cidade histórica.
Mantemento de viarios municipais
Está previsto que a semana vindeira comecen os traballos de pavimentación, incluidos no lote 1 (asfálticos), que leva a cabo o servizo de mantemento de viarios municipais. Está previsto actuar, sobre doce rúas, a maioría localizadas nas zonas de Conxo, Santa Marta, Choupana e Volta do Castro. Aínda que, segundo explicou o concelleiro, tamén se incluiu a rúa do Restollal, na zona de rotonda e ramais; e a rúa de Touro, a petición da veciñanza da Almáciga.
O investimento estimado para esta primeira actuación é de 150.193,29 euros. Máis adiante están previstas outras dúas actuaciónsnoutros barrios da cidade, entre eles Fontiñas, San Lázaro ou Vite. O orzamento que este ano 2022 se vai destinar a reparación de calzadas é de 338.880,89 euros.
Os traballos de mantemento de viais non asfálticos, é dicir, de beirrarúas, xa comenzaron . Entre o 1 de xaneiro e o 20 de abril, explicou Javier Fernández, a concellaría de Obras actuou en 69 rúas, repartidas por toda a cidade: Ensanche, Conxo, Santa Marta, Castiñeiriño, Pontepedriña, Fontiñas, etc. En total, o investimento previsto no mantimento de beirarrúas, centrado, principalmente, na reparación e substitución das lousas, é de 254.116,67 euros.
Rozas
A roza de viarios municipais, conta cun orzamento, neste 2022, de 100.000 euros. Xa se está levando a cabo o mantemento en zonas como Santa Marta e Vite; para a continuación, continuar co resto de barrios da cidade.
En canto á roza de parcelas municipais, a licitación do contrato vai ser, como en anos anteriores, para centros especiais de emprego. Este ano, explicou o concelleiro Javier Fernández, está previsto actuar en 123 fincas, que comprenden unha superficie de case 496.298,42 metros cadrados. O orzamento previsto para estes traballos é de 150.000 euros.