Thursday 21 de November de 2024

O Concello oferta 1.064 prazas para actividades infantís e xuvenís de verán


Despois de dous anos atípicos, o Concello retoma a normalidade en canto á organización das actividades de verán infantís e xuvenís. Ofértase unha ampla variedade de actividades dirixidas a nenos e nenas maiores de 3 anos, co fin de que ao mesmo tempo que desfrutan, vivan experiencias e se acheguen a propostas de ocio distintas das que gozan durante o resto do ano.

Outro dos obxectivos desta programación é axudar ás familias a conciliar durante este longo período de vacacións. Así, para abrir un amplo abano de posibilidades, adaptado ás necesidades e preferencias de cada fogar, organízanse desde obradoiros dunha hora ata campamentos de varios días.

Entre outras actividades haberá campamentos, excursións, minicampamentos, hortas, danza, teatro, kaiak, surf, xogos deportivos, parkour, orientación, escalada, paddle surf, sendeirismo, bicicleta, rugby, piragüismo, tiro con arco, artes plásticas, olería, encadernación decorada, banda deseñada, maxia…

Aquelas persoas interesadas en inscribir aos seus fillos e fillas poden consultar toda a información na web municipal ou dirixirse á Fábrica. As datas de preinscrición van do 10 ao 16 de maio e deberán realizarse a través da sede electrónica. Só poderán apuntarse nenos e nenas empadroados no municipio.