Saturday 16 de November de 2024

Alcaldía habilita unha nova canle directa de comunicación e contacto coa veciñanza


A través dun formulario instalado na páxina web municipal do Concello de Ordes (Ordes.gal) pódense enviar queixas, suxestións ou preguntas tanto ao alcalde como a calquer outro departamento en concreto

O alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, pon a disposición da cidadanía e de todos os veciños e veciñas de Ordes unha nova plataforma para contactar directamente con Alcaldía. Do mesmo xeito tamén se ten habilitada a posibilidade de dirixirse coa mesma inmediatez a calquera dos departamentos municipais. Trátase dun formulario situado na mesma páxina principal da web do Concello (Ordes.gal), quen o desexe pode facer chegar as súas suxestións, queixas ou preguntas, ás cales serán contestadas coa maior rapidez posible.
Deste xeito continúase coa labor emprendida para acadar un contacto directo cos veciños e veciñas, idea desenvolvida co maior interese por parte do actual equipo de goberno. Bríndase deste xeito a posibilidade de contactar máis rápida e facilmente tanto cos traballadores e técnicos municipais, como cos concelleiros e co mesmo alcalde.
“Á hora de poñer esta vía de contacto en marcha pensamos en todas e todos os veciños, pero sobre todo en aquelas e aqueles que, ben sexa por cuestións laborais ou de calquera outro tipo, non poden acudir en horario de mañá ás dependencias e oficinas municipais”, explica José Luis Sanjurjo. “Somos un Concello do século XXI e polo tanto temos que aproveitarnos das ventaxas e oportunidades que nos brindan as novas tecnoloxías, tanto para facilitar o contacto entre a veciñanza e o goberno, como para ofrecer o maior nivel de transpariencia posible da actividade política que se realiza dende o Concello”, asegura o alcalde.
Esta medida súmase ás dos ‘Sábados de portas abertas do goberno local’, mediante a cal o último sábado de cada mes a Casa Consistorial permanece aberta de 10 a 13 horas para, ben o alcalde ou outro membro do seu equipo, atender a aqueles veciños e veciñas que non poden acudir noutro día da semana.