Inés Rey: “Co inicio destas obras podemos divisar como o soño de converter A Coruña na cidade dixital de referencia vai tomando forma”
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, asistiu hoxe ao acto de inicio das obras da Cidade das TIC, na antiga Fábrica de Armas. Un proxecto froito do convenio de colaboración asinado o pasado 1 de decembro entre as diferentes institucións, co obxectivo de pór en marcha o proxecto que situará á Coruña como o polo tecnolóxico de referencia.
“Dende o Concello da Coruña sempre tivemos moi claro a importancia desta infraestructura. O sector tecnolóxico e dixital son fundamentais non só no futuro da nosa economía, senón tamén no presente”, sinalou Inés Rey durante a súa intervención. “As empresas líderes do mercado mundial son xa compañías tecnolóxicas. É por iso que o Concello da Coruña apostou dende o primeiro momento por este proxecto. Porque non queremos que os nosos profesionais mellor formados marchen a traballar fóra, queremos que os profesionais de fóra veñan á nosa cidade, que tamén é a súa”, indicou a rexedora.
No acto do inicio das obras estiveron presentes Julio Abalde, reitor da UDC; Valentín González Formoso, Presidente da Deputación; José Miñones, delegado do Goberno en Galicia; Francisco Conde, conselleiro de Economía, Empresa e Innovación da Xunta; Antonio Rodríguez de Corral, presidente do Clúster TIC de Galicia; Carlos Pita Abad, arquitecto gañador do proxecto do CSA; e Alejandro Casielles Rubiera, Director de Construcción ACCIONA.
Despois da sinatura do convenio, que tiña como obxectivo a posta en marcha dun Plan Director da Cidade das TIC, iniciouse a creación dunha estrutura de goberno mediante unha sociedade pública, que inclúa as diferentes administracións e tamén as empresas implicadas no proxecto garantindo a participación de todas as partes, de maneira proporcional ás súas contribucións. Para a creación de dita estructura, o Concello da Coruña achegou un total de 75.000 euros dos 180.000 euros totais, sendo a administración coa participación máis alta.
“A Coruña non debe ser só referente para os que vivimos nela, tamén para aqueles que poidan ver na nosa cidade un lugar onde levar a cabo os seus proxectos profesionais, de vida e de futuro. Un modelo de cidade que levamos sementando dende o inicio de mandato e que hoxe, co comezo destas obras, podemos ver como algúns deses soños van tomando forma nun futuro cada vez máis próximo, cada vez máis presente”, sinalou a alcaldesa durante o acto.
O proxecto da Cidade das TIC é unha das grandes apostas do Goberno de Inés Rey. Na Coruña e na súa contorna máis próxima hai na actualidade maís de 500 empresas vencelladas ao sector tecnolóxico, que facturan máis de 1.100 millóns de euros, case a metade da cifra de todas as tecnolóxicas galegas xuntas: “A Coruña é a capital galega das novas tecnoloxías e a Cidade das TIC é xa, de facto, a cidade da Coruña”. Inés Rey reivindicou a Cidade das TIC como espazo de referencia en innovación tecnolóxica a nivel
nacional e internacional, froito das sinerxías entre o tecido empresarial e a investigación universitaria.