Juventino Trigo asinou este mediodía a resolución, que non implica ningún outro cambio no tripartito nin tampouco na composición da Xunta de Goberno Local
O alcalde de Fene, Juventino Trigo, asinou este mediodía a resolución mediante a que recupera “de maneira provisional e transitoria” as competencias da subárea de Servizos, que ata este momento estaba delegada na concelleira socialista Mar Piñeiro Otero. A decisión tratouse onte martes ao remate da Xunta de Delegados -da que forma parte todo o executivo local- e agora faise efectiva “co obxectivo de mellorar a eficiencia e coordinación do departamento”, tal e como indicou hoxe mesmo Juventino Trigo. O rexedor puntualizou, porén, que esta modificación non lle afecta a ningunha das outras competencias nin acordos recollidos no pacto de Goberno do tripartito fenés.
Deste modo, Mar Piñeiro Otero continuaría á fronte da área de Desenvolvemento Territorial e do Medio e das subáreas de Obras, Radio Municipal e Transparencia. A resolución tampouco implica variar as dedicacións económicas nin a composición da Xunta de Goberno Local, que seguirá integrada polas edís socialistas Mar Piñeiro e Ana Basoa; por Sandra Permuy e Manuel Polo (BNG) e pola concelleira de EU-IU Mari Carmen Martínez.
Mantéñense, ademais, as tenencias da alcaldía coa mesma prelatura, con Piñeiro Otero como 1ª Tenente da Alcalde, seguida (por esta orde) de Sandra Permuy, Manuel Polo, Ana Basoa e Mari Carmen Martínez.
Malia que a alcaldía recupera Servizos, Juventino Trigo quixo deixar claro que se trata dunha situación “provisional e transitoria”, xa que a intención do rexedor é que a delegación desa subárea se trate na mesa de seguimento do Pacto de Goberno e que sexa dentro dese foro “onde se consensúe que concelleira ou concelleiro asumirá a carteira no que resta de ano de mandato, onde temos por diante moito traballo para facer en canto a servizos básicos”.
Trigo encadrou o cambio en Servizos como un “axuste necesario” que se adopta, en palabras do rexedor, “co obxectivo de mellorar a eficiencia e coordinación do departamento”.
A revogación da delegación da subárea de Servizos é efectiva desde o momento da súa sinatura. A resolución publicarase no Boletín Oficial da Provincia e tamén se lle dará conta dela ao Pleno municipal.