Saturday 16 de November de 2024

O Xuventude gaña o XVIII Maratón de Fútbol 11 do Concello de Frades


O equipo de Ordes imponse no Torneo de Fútbol 7 ás EDM de Frades

O equipo Xuventude proclamouse campión do XVIII Maratón de Fútbol 11 do Concello de Frades, ao vencer na final ao Paboi por un resultado de 1-0. A competición, disputada no campo muncipal en Abellá, contou coa participación de nove equipos.

O Xuventude accedeu á final vencendo na semifinal por 2-1 ao Papucín, que concluíu como terceiro clasificado. Na outra semifinal o resultado foi de 2-0, co enfrontamento entre o Paboi e o Aiazo, cuarto. Completaron a clasificación, por esta orde, do quinto ao noveno posto: Ponte Carreira, Galegos, Combinado GFrades, Moar e Abellá.

O maratón, que entregou trofeos para todos os equipos participantes, distinguiu tamén a Louzao, do Paboi, como máximo goleador, con dous tantos ao longo da competición. Rubén, do mesmo equipo, recibiu o trofeo como porteiro máis efectivo.

Este torneo, que este ano acadou a maioría de idade, disputouse cunha eliminatoria inicial de tres grupos de tres equipos. Pasaron as semifinais os campións de cada grupo e o mellor dos tres segundos clasificados. Cada partido tivo unha duración de 30 minutos, a non ser a final, con dous tempos de 20 minutos.

Torneo de Fútbol 7
Por outra parte, disputouse tamén o Torneo de Fútbol 7 do Concello de Frades, con categorias intanfil e cadete de maneira conxunta. Esta competición serviu para que se medisen o equipo das Escolas Deportivas Municipais (EDM) de Frades e o de Ordes. Este último conxunto revelouse como superior, á vista do resultado final de 9-2. Seus foron tamén os trofeos ao máximo goleador, para David López con tres tantos, e ao mellor porteiro, Tomás del Río.