Sunday 24 de November de 2024

O Fórum Metropolitano acolle dous novos ciclos de cinema, “Heroes Anónimos” e “Saíndo da fábrica”


As proxeccións ‘1987: Cando chega o día’ e ‘Machines’ terán lugar do xoves ao sábado nas salas Marilyn Monroe e Fernando Rey, respectivamente

O Concello da Coruña, a través do Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE), trae nesta primeira semana de maio dous novos ciclos de cinema ao Fórum Metropolitano.

O filme “1987: Cando chega o día” (2017) do director surcoreano Jang Joon-hwan, será o encargado de iniciar o ciclo “Heroes anónimos”, que estará presente na sala Marilyn Monroe durante todo o mes de maio. A cinta contou no seu país cunha grande acollida entre o público e a crítica. Nominada a once galardóns e gañadora do premio a mellor director nos Grand Bell Awards, os premios máis importantes en Corea do Sur, aborda o interrogatorio e a morte dun estudante universitario que deu lugar ao xurdimento dunha revolución popular contra o goberno ditatorial.

O ciclo de cine “Heroes anónimos” levará a cabo a proxección de filmes sobre persoas correntes e normais que por algunha razón inesperada, acaban converténdose en heroes..
A cinta surcoreana, de 129 minutos de duración, protagonizará as sesións das 20.00 horas de xoves a sábado, así como a sesión das 17.30 horas o venres 6 e o sábado 7 de maio. Retrato da industria téxtil na India con “Machines” (2016)

“Saíndo da fábrica” é un dos ciclos tradicionais do Fórum Metropolitano, que inicia este mes a súa décimocuarta edición coa proxección do documental “Machines” (2016), do cineasta Rahul Jain. O director propón unha aproximación ao día a día dunha fábrica téxtil na India.

Deste xeito, Jain pretende amosar as condicións laborais altamente precarias ás que se someten os traballadores e traballadoras na India, facendo unha crítica á globalización e á sociedade capitalista. O documental, de 71 minutos de duración, foi galardoado co premio Mellor fotografía – Documental (World Cinema) no Festival de Sundance en 2017.

Este filme forma parte do ciclo “Saíndo da fábrica”, que se inicia neste mes de maio con motivo da celebración do Día do traballador o 1 de maio. O ciclo acolle películas sobre o tema laboral, seleccionadas co obxectivo de facer reflexionar ao público sobre a importancia do traballo e dos dereitos laborais.

O filme documental proxectarase na sala Fernando Rey e estará dispoñible para o público de xoves a sábado ás 20.00 horas. Logo da sesión do venres realizarase un posterior debate sobre os filme, onde o público poderá compartir as súas reflexións sobre o mesmo.

Venda de entradas dispoñible na web
A compra de entradas para as sesións estará dispoñible na páxina web Ataquilla.com. Habilitarase tamén o despacho de billetes do Fórum Metropolitano os días de proxección, desde media hora antes do inicio das mesmas.

O prezo das entradas será de 3 euros para o público xeral e de 2 euros para aquelas persoas que dispoñan de Carné Xove, sexan maiores de 65 anos ou estén desempregadas. Ademais, as sesións do espectador programadas para os sábados ás 17.30 horas teñen un prezo único de 1,50 euros.