Piedrahita, acompañado polo director Fernando Briones, achegará ao público asistente aos comezos da televisión, as series de debuxos animados e as exitosas sitcoms de sempre
O Teatro Colón abrirá mañá as súas portas á Banda Municipal de Música da Coruña (BMMC), que presentará o espectáculo ‘La banda sonora de nuestra risa’, unha emotiva e divertida viaxe polas bandas sonoras vencelladas aos xéneros do humor, a comedia e a diversión.
Este concerto será a primeira actividade musical programada no contexto da segunda edición do Encontro Mundial de Humorismo (EMHU), que rematará o domingo 8 de abril. O espectáculo estará dirixido por dous coruñeses: o monologuista Luis Piedrahita será o condutor desta orixinal proposta; mentres que Fernando Briones levará a batuta á fronte da Banda Municipal de Música como director convidado.
Na que será toda unha festa musical, Piedrahita e Briones achegarán ao público asistente aos comezos da televisión, pasando polos espectáculos circenses, as series de debuxos animados ou as exitosas sitcoms de sempre. Entre elas, producións televisivas moi recoñecibles como “Os Simpson”, “Os Picapedra”, “Os Cazafantamas” ou “A Pantera Rosa”.
“Teremos o luxo de contar cun mestre de ceremonias excepcional como é Luis Piedrahita, que irá introducindo cada unha das intervencións da banda. Será, sen dúbida, un concerto entretido”, sinala Fernando Briones.
A sesión, que comezará este xoves 5 ás 20.00 horas, será de acceso libre ata completar capacidade. Ademais, emitirase tamén en directo, a través de YouTube, unha modalidade posta en marcha o pasado mes que fai simultáneo o formato presencial e dixital ampliando o seu público, que poderá acceder ao concerto desde outros lugares para deleitarse coa música da Banda Municipal da cidade.