Saturday 16 de November de 2024

A Asociación Brío, canteira tamén de artistas da plástica


O colectivo cultural ten aberta unha mostra de pintura e debuxo na Casa da Cultura de San Sadurniño

A Asociación Brío é un referente en toda a comarca para a prendizaxe e práctica da danza estética, do baile moderno e do hip-hop. Aínda en tempo de pandemia a entidade foi quen de manter vivo o traballo dos grupos que agora, na “nova normalidade”, volven coller impulso. Porén, o baile é só unha das propostas do colectivo, que pouco a pouco foi ampliando a súa oferta dirixida á infancia e a mocidade introducindo clases de inglés a través da creación e tamén sesións de debuxo e pintura semanais. Unha mostra desa arte resúmese na exposición colectiva “Benvida Primavera” que pode visitarse no recibidor da Casa da Cultura ata o próximo 17 de maio.

Podemos dicir sen medo a equivocarnos que a Asociación Brío é a entidade cultural máis activa de San Sadurniño tanto polo número de nenas e nenos que acoden aos seus obradoiros como polo feito de que foi a única que practicamente non parou nos últimos dous anos.

Unha das súas propostas máis recentes é a exposición “Benvida Primavera”, na que participou o grupo de debuxo e pintura achegando cadros realizados con distintas técnicas, aínda que compartindo todos eles a viveza da cor e a inspiración na natureza como fío condutor. As láminas e pinturas rematáronse para a mostra nun obradoiro de enmarcado. A rapazada utilizou nese caso a técnica do scrapbook, tal e como se explica no panel de presentación da mostra.

Porén, a obra de maior tamaño é un mural deseñado polo grupo de “Inglés xogando”, formado polas nenas e nenos que acoden ás clases de inglés onde se combina a aprendizaxe da lingua estranxeira co xogo e as manualidades. “Flowers” de papel dobrado, “butterflies” e “bees” feitas con cartón e cartolina compoñen unha escena que se completa con “clouds” e un “Sun”, resultado do traballo de Lara, Lola, Mario, Aroa, Paula, Aitana, Iker, Juan, Martín, Candela, Noa, Antía e Hugo.

A exposición “Benvida Primavera” está aberta até o 17 de maio no recibidor da Casa da Cultura e pode visitarse polas mañás ou durante as actividades que se desenvolven nas instalacións.