A Casa da Mocidade da Pobra do Caramiñal dará cabida a unha acción formativa sobre planificación e iniciativa emprendedora en pequenos negocios ou microempresas que a Deputación da Coruña achega á localidade ao abeiro do PEL Emprego Sustentable no ámbito rural e coa colaboración da Concellaría da Promoción Económica, da cal é titular a edil Charo Varela (Nós Pobra).
O obxectivo deste programa de balde é desenvolve-lo talento emprendedor, mellorando os coñecementos e as competencias emprendedoras para fomenta-la empregabilidade, incrementando as posibilidades de inserción laboral. Está dirixido a persoas desempregadas de longa duración, mocidade, maiores de 55 anos, persoas con discapacidade e outros colectivos. As prazas son limitadas e as inscricións pódense formalizar a través do enderezo electrónico aedl@apobra.gal. O paso seguinte será a selección das persoas beneficiarias baseada na realización de entrevistas individuais seguindo os criterios técnicos e específicos predefinidos.
As aulas impartiranse da man da compañía Adecco Learning & Consulting, de luns a venres, en horario de mañá. A formación específica (120 horas) comezará no 13 de maio e estenderase ata mediados de xuño para dar paso ao eido transversal (12 horas) que terá lugar nos días 17, 20 e 21. No que respecta á formación complementaria (60 horas), transcorrerá dende o día 22 de xuño ao 8 de xullo e, finalmente, desenvolverase o período de prácticas (120 horas) que rematará na segunda semana de agosto. Ademais, o programa inclúe 34 horas de titorías co alumnado participante.