Friday 22 de November de 2024

A histórica banda escocesa Simple Minds actuará en xullo no Coliseum, na que será a única cita en Galicia dentro da súa xira por España


A alcaldesa, Inés Rey, presentou hoxe a programación do ciclo Xacobeo Importa prevista na cidade, que tamén abrangue a actuación da compositora estadounidense LP no Palacio da Ópera o 25 de xuño

O Palacio da Ópera acolleu esta mañá o acto de presentación da décimo primeira edición do ciclo Xacobeo Importa, unha ambiciosa proposta musical enmarcada no programa de actividades pola celebración do Ano Xacobeo 2021-22, e que atraerá á Coruña a artistas de renome internacional entre os meses de xuño e xullo.

A alcaldesa, Inés Rey, detallou hoxe a programación prevista na cidade, que abrangue dous concertos: o primeiro, o da cantautora e compositora estadounidense Laura Pergolizzi, coñecida como LP, que actuará no Palacio da Ópera o día 25 de xuño; e o segundo, o da histórica banda escocesa Simple Minds, que actuará no Coliseum o día 27 de xullo na que será a súa única cita en Galicia dentro da súa xira por España ‘40 Years of Hits Tour 2022’.

Inés Rey, acompañada hoxe por Nava Castro, directora da Axencia Galega de Turismo de Galicia, e por Raquel Seijo, promotora do ciclo Xacobeo Importa, amosou o seu agradecemento a todas as partes implicadas e puxo en valor “a colaboración público-privada, que posibilitou que a cidade acolla estes dous concertos, que se suman a unha ampla oferta de eventos e que evidencia que a nosa cidade dispón das instalacións necesarias para erixirse como o faro e o lugar de referencia para grandes citas
internacionais”, unha folla de ruta amosada pola rexedora en Fitur a comezos de ano.

A venda de entradas para o concerto de Simple Minds xa está habilitada na páxina web de Ataquilla e tamén fisicamente, no despacho de billetes do IMCE sito na praza de Ourense en horario de luns a venres (salvo festivos) de 11.00 a 15.00 e de 16.30 a 19.30 horas. Por outra banda, a venda de entradas para o concerto de LP habilitarase hoxe na páxina web de Ataquilla.com.

O 2022, un ano para impulsar os grandes concertos e eventos na cidade Inés Rey remarcou esta mañá que “o Goberno municipal está plenamente comprometido para consolidar A Coruña como a cidade de referencia no noroeste de España para celebrar grandes concertos e eventos musicais”.

Desde comezos de ano, enumerou, o Coliseum rexistrou o seu primeiro cheo desde o comezo da pandemia, coa presenza de C. Tangana, e vibrou co talento de artistas como Van Morrison e Fito & Fitipaldis. Nos vindeiros meses, o recinto acollerá, ademais, os concertos de Rosalía, Camilo, Leiva, Alejandro Sanz e Dani Martín, entre outros.

“Só é unha pequena parte dun calendario de eventos que pon de manifesto o pulso da cidade para atraer e consolidar citas culturais, artísticas e sociais de referencia”, apuntou Inés Rey. Neste 2022, A Coruña celebrará festivais como o Morriña Fest, no estadio de Riazor, coa presenza de grupos como Black Eyed Peas e Franz Ferdinand, e citas como o Atlantic Pride e o CoruFest, programación á que agora se suman os dous concertos de LP e Simple Minds no contexto do ciclo Xacobeo Importa.