— O delegado da Xunta visitou un destes programas, o Plan Integrado de Emprego, que se está desenvolvendo no Concello de Boiro
— O representante do Goberno galego subliñou que os programas formativos da Xunta están orientados a cubrir as demandas reais das empresas das contornas o que permite unha posterior integración laboral máis alta
O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou esta mañá aos alumnos do Plan Integrado de Emprego (PIE) que se está a desenvolver en colaboración co Concello de Boiro. Este programa conta cun apoio da Xunta de 250.000 euros financiado pola Consellería de Emprego e Igualdade e agarda alcanzar unha inserción laboral de alomenos o 40% entre os seus cen participantes.
Trenor explicou que este tipo de iniciativas consisten en itinerarios curriculares, cursos de formación, mellora das habilidades profesionais e outras medidas laborais durante un período de doce meses ao tempo que contan coa colaboración de varias empresas da contorna para completar a formación dos alumnos.
Trenor destacou o compromiso do Concello de Boiro coa empregabilidade porque leva anos de traxectoria de formación contrastada nesta materia e consegue importantes niveis de éxito nos diferentes programas de formación que afronta.
O delegado da Xunta apuntou que “unha das apostas máis importantes da Consellería de Emprego e Igualdade son os programas formativos que, cada vez máis, están orientados a cubrir as demandas reais das empresas das contornas o que permite unha posterior integración laboral máis alta”. Ademais, engadiu que “outra das apostas importantes é complementar a formación con prácticas en empresas para garantir unha inserción real e duradeira no tempo”.
Trenor destacou que na comarca do Barbanza estanse a desenvolver 3 PIE, no Concello de Boiro, en Rianxo compartido con Padrón, Rois e Dodro e na asociación Amicos. En total estanse a formar a 300 desempregados cun investimento de máis de 562.000 euros.
Entre as accións máis importantes da Xunta, que tamén se desenvolven na contorna desta comarca, destacan as Accións Formativas para Desempregados (AFD), que este ano contan con 28 cursos nesta área cun investimento de máis de 900.000 euros e os obradoiros de emprego, para os que a Xunta reserva outros 1,4 millóns de euros para a apoiar a celebración de 4 talleres de formación .
Neste senso, Trenor lembrou que en total a Xunta está a investir na comarca do Barbanza máis de 2,8 millóns de euros, en 35 programas de formación para axudar a case 800 desempregados da comarca para facilitarlles a búsqueda dun emprego cando rematen o seu período formativo e as súas prácticas en empresas,
COMARCA BARBANZA
PIE`s CONCELLOS | ||||
ENTIDADE SOLICITANTE | CONCELLO | ÁMBITO DE ACTUACIÓN | TIPO DE PROGRAMA | TOTAL AXUDA 2021-2022 |
CONCELLO DE BOIRO | BOIRO | COMARCA DO BARBANZA | EXCLUSIVAMENTE MULLERES | 250.000,00 € |
CONCELLO DE DODRO | RIANXO | RIANXO, PADRÓN, ROIS E DODRO | XERAL | 62.500,00 € |
TOTAL CONCELLOS |
312.500,00 € |
|||
PIE`s ENTIDADES | ||||
ENTIDADE SOLICITANTE | CONCELLO | ÁMBITO DE ACTUACIÓN | TIPO DE PROGRAMA | TOTAL AXUDA 2021-2022 |
ASOCIACIÓN AMICOS | BOIRO | RIBEIRA, BOIRO, NOIA, PORTO DO SON E POBRA DO CARAMIÑAL | XERAL | 250.000,00 € |
TOTAL ENTIDADES | 250.000,00 € | |||
TOTAL CONCELLOS + ENTIDADES | 562.500,00 €
|