O concerto terá lugar o día 19 de novembro, ás 22.00 horas. A venda de entradas habilitarase este martes, tanto fisicamente como en liña
O Coliseum da Coruña acollerá, o vindeiro día 19 de novembro, a presentación da nova xira do cantante Antonio Orozco, que chega á cidade para achegar ao público o seu último traballo, ‘Aviónica’.
‘Aviónica’, disco publicado por Orozco no ano 2020, tardou máis de cinco anos en xestarse, período no que o artista e compositor catalán, gañador de nove Discos de Platino e un Disco de Ouro, aproveitou para centrarse en cancións de identidade positiva, “que convidan a deterse nas cousas que de verdade pagan a pena”.
No concerto que se levará a cabo na Coruña, Antonio Orozco ofrecerá varios dos seus novos temas, como ‘Entre sobras y sobras me faltas’, ‘A vuelos’, ‘Seis segundos’ ou ‘Giran y van’, entrelazados con éxitos de sempre que marcaron a súa traxectoria, caso de ‘Mi héroe’, ‘Pedacitos de ti’, ‘Hoy será’ o ‘Devuélveme la vida’.
Desde o comezo da súa andadura artística, os éxitos musicais e recoñecemento do público marcaron unha carreira imparable, con sete álbumes publicados e máis de mil concertos celebrados entre España e Latinoamérica.
A venda de entradas actívase este martes
As entradas de cara ao concerto do día 19 de novembro (22.00 horas) no Coliseum poderán adquirirse desde mañá, martes 3 de maio, a partir das 12.00 horas, por dúas vías: presencial, no despacho de billetes do IMCE sito na Praza de Ourense en horario de luns a venres (salvo festivos) de 11.00 a 15.00 e de 16.30 a 19.30 horas; e tamén en liña, a través da páxina web de Ataquilla e Emotional Events.
Próximos concertos programados no Coliseum da Coruña
Nos próximos meses, o Coliseum da Coruña continuará abrindo as súas portas a outros grandes artistas do panorama nacional e internacional, sumando citas ao ciclo de concertos de este ano 2022. Neste mes de maio, por exemplo, actuará Izal.
Ademais, a artista Rosalía tamén estará no Coliseum da Coruña o día 29 de xullo, na que será unha das paradas da súa xira mundial para a presentación do seu último traballo ‘Motomami’.
Ao longo deste ano tamén está previsto que actúen na Coruña intérpretes da categoría de Alejandro Sanz, Raphael, Leiva, Joan Manuel Serrat, Malú e Melendi, entre outros.