A longametraxe aborda a loita de dúas mulleres que buscan o equilibrio entre a súa orientación sexual e a súa fe no contexto da sociedade do país e a eclesiástica, que non as acepta
O auditorio do Centro Sociocultural Ágora abre as súas portas este martes, 3 de maio, para unha nova proxección do ciclo Documental do Mes, que chega á súa quinta sesión deste ano co punto de mira na sétima arte producida nos Balcáns.
‘Nun of your business’, da directora croata Ivana Marinić, achégase á historia de dúasmonxas, Marita Radovanovic e Fanica Feric, que narran, en primeira persoa, a súa historiade amor vivindo en dous conventos de clausura separados en Croacia. A peza céntrase na súa loita por atopar un equilibrio entre a súa orientación sexual e a fe que profesan no contexto dunha sociedade na que non se senten aceptadas.
Así, o documental aborda tamén como as dúas toman entón a decisión máis difícil da súa vida: abandonar o convento para iniciar unha nova vida xuntas.
O documental, de carácter intimista, segue os testemuños das dúas mulleres para poñer sobre a mesa a súa valentía buscando a liberdade persoal, desilusionadas ambas coa Igrexa e tamén coa visión que amosa a institución eclesiástica coa súa realidade.
A peza, de algo máis de 70 minutos de duración, será proxectada ás 20.00 horas en versión orixinal subtitulada ao castelán.
As entradas, xa a venda
As entradas para asistir á proxección deste martes 3 están á venda e dispoñibles a través da páxina web de Ataquilla.com e tamén no despacho de billetes central do Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE) da praza de Ourense (de luns a venres, en horario de 11.00 a 15.00, e de 16.30 a 19.30 horas, coa excepción dos festivos), cun prezo de 2,50 euros para o público xeral e de 2 euros para as e os usuarios que dispoñan de Carné Xove, sexan maiores de 65 anos ou estean en situación de desemprego. Os pases tamén poderán adquirirse mañá, o día da proxección, nos despachos de billetes do Centro Sociocultural
Ágora desde unha hora antes do inicio da sesión, sempre que haxa entradas dispoñibles.