Friday 22 de November de 2024

Música, baile e tradición galega e asturiana conxugáronse no Encontro Folclórico celebrado na Vila de Ordes


Nesta ocasión contouse coa participación do Obradoiro de Cultura Tradicional ‘Chorima’ (Rois), coa A. F. ‘El Piñote’ (Asturias), así como coa A. F. C. Sementes da Arte, organizadores da cita

O folclore a música e as tradición marcaron esta fin de semana a actividade social e cultural no Concello de Orde. Todo isto debido ao ‘Encontro folclórico’ organizado pola Agrupación Folclórico Cultural Sementes da Arte en colaboración coa Concellería de Cultura.
Nesta ocasión participaron, ademais do grupo anfitrión, o Obradoiro de Cultura Tradicional ‘Chorima’, vidos dende Rois, e os asturianos da Asociación Folclórica ‘El Piñote’. Un dos momentos máis curiosos da tarde foi cando varios integrantes desta formación empezaron a escanciar sidra coa que foi agasallada o público asistente e membros dos demais grupos.
En total foron dúas horas de espectáculo no que se interpretaron e bailaron máis de vinte temas, dos que desfrutaron varios centos de veciños e veciñas ordenses, así como outros afeccionados chegados ata a vila especialmente para a ocasión. Dividido en dúas partes, o epicentro da función estivo protagonizada polo grupo de cantareiras de Sementes da Arte que, con pandeiretas e acompañadas dalgunha que outra voz masculina, ofreceron media ducia de pezas que foron moi aplaudidas.
Sen perder detalle atopábase tamén o alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, acompañado dos concelleiros de Medio Ambiente e Cultura. Precisamente foi este último quen ao finalizar o encontro fixo entrega dunhas placas conmemorativas a cada un dos grupos participantes.