O Concello organiza tamén unha xornada o venres 6 de maio ás 12h para explicar como realizalo correctamente
O Concello de Cabanas retoma nesta tempada primaveral a campaña de prevención e control da vespa velutina, para cuxo éxito é fundamental a colaboración de veciñanza, instalando trampas que permitan reducir o número de niños durante o verán.
Para facilitar o traballo da veciñanza, desde a área de servizos procederase ao reparto de trampas e líquido atraínte até fin de existencias, que se poderán recoller chamando previamente ao teléfono 674 274 680.
Ademais, no marco desta campaña, o Concello organiza unha xornada formativa coa bióloga Eva Pico, na que informará á veciñanza sobre como realizar este trampeo de maneira exitosa. Será o próximo venres, 6 de maio, ás 12h na aula de informática da antiga Casa do Concello.
A campaña está impulsada pola concellaría de servizos, sostibilidade e medio rural, dirixida pola concelleira Eva García, comprometida con esta problemática desde o 2016. “A veciñanza amosou un compromiso neste eido, o que nos permitiu reducir significativamente o número de niños”, indicou a concelleira, quen tamén confirmou que o persoal municipal será o encargado de colocar as trampas nas zonas de uso público.
Retirada de niños a través do 012
O Concello de Cabanas reeditou este ano o convenio de colaboración asinado coa Xunta, polo cal será esta última, a través do SEAGA, quen xestione a retirada ou o neutralizado dos niños de vespa velutina. Deste modo, as persoas que detecten a presenza de niños deben dirixirse ao teléfono 012 para trasladar o aviso.