Prado, director do salón internacional do cómic ‘Viñetas desde o Atlántico’, amosará ao club de lectura de banda deseñada das bibliotecas municipais o proceso creativo que segue para elaborar as súas obras
O Festival Primaletras, posto en marcha polo Concello a través da Rede de Bibliotecas Municipais, conmemorará este luns 2 de maio o Día da Banda Deseñada, abrindo as portas do Fórum Metropolitano a todo un referente do cómic, Miguelanxo Prado (A Coruña, 1958), director do salón internacional do cómic ‘Viñetas desde o Atlántico’, un evento organizado polo Concello que este ano cumprirá 25 anos. Prado é un dos autores galegos de banda deseñada e ilustradores máis recoñecidos a
escala internacional desde a década dos oitenta. Gañador dun Premio Nacional de Cómic no ano 2013 pola novela gráfica “Ardalén”, será o protagonista dun encontro literario cos membros do club de lectura desta especialidade nas bibliotecas municipais da cidade. Será a partir das 19.00 horas.
O encontro con Miguelanxo Prado no Fórum Metropolitano dividirase en dúas partes: de inicio, o autor coruñés amosará ás persoas asistentes o proceso creativo que segue para elaborar os seus cómics (guión, documentación, deseño dos personaxes, a paleta de cores empregada); e, posteriormente, levarase a cabo un coloquio co club de lectura de banda deseñada da Rede de Bibliotecas Municipais da Coruña, coloquio que centrará a atención nas obras “Ardalén” e “Presas fáciles”, revisadas polas persoas que integran o club de lectura.
O vindeiro encontro literario, co xornalista e escritor Xesús Fraga
O Festival Primaletras, que comezou a súa actividade a finais de marzo, é un novo certame literario e cultural que implica ás oito bibliotecas municipais da cidade (Ágora, Castrillón, Durán Loriga, Estudos Locais, Fórum Metropolitano, Monte Alto, Os Rosales e Sagrada Familia) durante dous meses, cunha programación que se estenderá ata o vindeiro día 21 de maio, data de clausura desta primeira edición.
Neste sentido, e tamén esta semana, o centro sociocultural Ágora acollerá outro encontro literario, co gallo do Día do Libro. Será co escritor Xesús Fraga (Londres, 1971), galardoado o ano pasado co Premio Nacional de Narrativa pola súa obra “Virtudes (e misterios)”, que será obxecto de análise polos clubs de lectura da Rede de Bibliotecas Municipais da Coruña.
O acto terá lugar na biblioteca do Ágora este mércores 4 de maio, ás 18.30 horas. A entrada será de balde ata completar capacidade.