A Concellaría do Medio Ambiente da Pobra do Caramiñal, da cal é titular a edil Genoveva Hermo (Nós Pobra), continúa inmersa na terceira campaña do programa de autocompostaxe en vivendas unifamiliares, despois de que nas dúas quendas previas se distribuíse polo termo municipal un total de 110 colectores. A finalidade deste proxecto radica en fomenta-la sustentabilidade na xestión da materia orgánica na orixe, cuestión que redunda en beneficios medioambientais e económicos ao verse reducido o peso da fracción do resto depositada nos contedores verdes convencionais e, polo tanto, a cantidade de lixo para tratar por parte de Sogama.
As dúas novas ducias de fogares participantes foron convocadas no teatro cine Elma na tarde deste 29 de abril para recibiren os composteiros individuais e material divulgativo, ademais de asistiren a unha charla formativa a cargo dun biólogo ambiental de Ventos Estudos Ambientais, quen asumirá o seguimento do proceso da compostaxe en cada un dos domicilios participantes. Previamente tamén se estableceu un posto informativo nos Xardíns de Valle-Inclán para aclarar dúbidas da veciñanza nesta materia.
Cómpre indicar que aínda quedan colectores á disposición, polo cal as persoas interesadas en se sumaren ao proxecto poden formaliza-la súa solicitude a través do rexistro, preferentemente o telemático. O documento tamén está ao dispor en www.apobra.gal.
A adquisición desta terceira remesa está financiada cunha subvención de 13 630’63 euros da cal resultou beneficiaria a Administración local, ao abeiro das axudas do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico na convocatoria de Residuos 2020 (PIMA e Pemar), que coas liñas de compostaxe pretende reduci-las emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) e mellorar na consecución do Plan estatal marco de xestión de residuos (Pemar).