Friday 22 de November de 2024

A AMTEGA publica a normativa autonómica que regulará os sistemas de telecomunicacións no interior dos edificios administrativos


O proxecto de decreto está xa dispoñible na web amtega.xunta.gal

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) vén de publicar o proxecto de decreto que garantirá que os edificios das administracións galegas dispoñan dos sistemas de telecomunicacións necesarios para a prestación de servizos electrónicos aos cidadáns. Conforme a Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, esta información está xa dispoñible na web amtega.xunta.gal.

O proxecto de decreto desenvolve o disposto no Artigo 9º “Infraestruturas de telecomunicacións en edificios públicos” da Lei 3/2013, do 20 de maio, de impulso e ordenación das infraestruturas de telecomunicacións de Galicia. A norma regulará os equipamentos mínimos en materia de infraestruturas de telecomunicacións no interior dos edificios nos que desenvolve a súa actividade a Administración autonómica galega, incluíndo a interconexión da redes interiores coas redes exteriores dos operadores de telecomunicacións.

Requisitos e procedementos
A aplicación do decreto refírese aos edificios administrativos da Xunta de Galicia e das entidades instrumentais dependentes dela e posibilita, ademais, instrumentos de colaboración para fomentar e facilitar que as entidades locais adopten as determinacións contidas no decreto.

A norma establece os requisitos comúns para o deseño, a instalación e a certificación da infraestrutura de telecomunicación e os elementos mínimos construtivos e de obra civil necesarios a contemplar no deseño arquitectónico para albergar as instalacións de telecomunicacións. Mesmo defínense as circunstancias nas que será necesario un proxecto específico de infraestruturas de comunicación.

Tamén se fixan os procedementos de comunicación, sempre de forma electrónica, entre as distintas unidades administrativas implicadas para a solicitude, avaliación e remisión dos informes técnicos necesarios para a dotación das infraestruturas de telecomunicacións.

O proxecto de decreto define, ademais, os requisitos técnicos e procedementos para a integración dun edificio ou sede administrativa na Rede Corporativa da Xunta de Galicia, que actualmente presta servizo a máis de 1.260 centros administrativos, 1.400 centros educativos e 322 entidades xudiciais e a 91.000 empregados públicos.

Guía de especificacións
As previsións normativas completaranse cunha Guía de especificacións dos sistemas de telecomunicacións, que tratará polo miúdo cuestións como:

– O dimensionamento, localización e características construtivas de canalizacións e infraestrutura de distribución e soporte nos edificios públicos que se constrúan ou remodelen.
– O deseño e implantación de sistemas de cableado estruturado e sen fíos (subsistemas de interconexión, horizontal, troncal, redes wifi, redes móbiles, etc.)
– Os sistemas intelixentes (control de acceso, alarmas técnicas, eficiencia enerxética, etc.)
– Normas sobre o etiquetado, certificación e verificación da instalación, o contido do PIC e a documentación final de obra.