Saturday 16 de November de 2024

A EGAP e o Colexio Oficial de avogados convocan corenta prazas para o Curso Superior de Técnico de Urbanismo


O curso ten como obxectivo que os participantes adquiran os coñecementos e habilidades que os capaciten para actuar no ámbito da ordenación do territorio, urbanismo e xestión do solo

A Escola Galega de Administración Pública, en colaboración co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, convoca corenta prazas para o Curso superior de técnico de urbanismo 2015-2016, que se impartirá na sede da escola o próximo curso.

Esta actividade formativa ten como obxectivo que os alumnos adquiran os coñecementos teórico- prácticos e habilidades que os capaciten para actuar no ámbito da ordenación do territorio e do urbanismo e responsabilizarse dos procesos de xestión do solo. O curso, que terá unha duración de trescentas cincuenta horas presenciais, distribuídas a razón de oito horas por semana, impartirase entre o próximo mes de outubro e xuño do vindeiro ano na EGAP.

Coa finalidade de alcanzar os obxectivos formulados no tempo estipulado, partirase da análise e estudo da normativa de ordenación do territorio e urbanística, combinando o estudo dos fundamentos teóricos coa formación práctica, sendo esta última imprescindible no ámbito de estudo.

Os solicitantes deberán ser persoal funcionario do grupo A; persoal laboral pertencente aos grupos I ou II; arquitectos colexiados no Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia; persoal contratado polas administracións públicas cun contrato de servizos ou equivalente así como todas aquelas persoas con título de doutor, licenciado, diplomado, grao, arquitectos, enxeñeiros, arquitectos técnicos e enxeñeiros técnicos.

O prazo para a inscrición permanecerá aberto ata o día dezasete de setembro e, para inscribirse, as persoas interesadas deberán cubrir o formulario que para ese efecto figurará na páxina web de COAG, www.coag.es, na sección do curso.

Este curso é un resultado máis da cooperación existente entre a Xunta e o Colexio Oficial de Avogados de Galicia, realizadas ao abeiro dun convenio de colaboración subscrito entre ambos. Este, ten por obxecto colaborar na formación dos colexiados a través do desenvolvemento de actividades formativas, divulgativas e de investigación; logrando así unha maior eficiencia e eficacia na actuación dos medios humanos, materiais e organizacionais de cada unha delas.