A concelleira de Benestar Social, Igualdade e Participación, Yoya Neira, anunciou que o Concello ofrecerá tamén axuda de acollida aos refuxiados grazas a unha doazón de Inditex a través dun convenio coa Fundación Emalcsa
Atendéronse 191 persoas dende a OMAPU, 97 mulleres e 75 menores, das que 107 iniciaron o proceso de forma presencial
O Concello da Coruña, a través da Oficina Municipal de Apoio ao Pobo Ucraíno (OMAPU), está prestando atención ás persoas refuxiadas que chegaron á cidade polo conflito de Ucraína. O servizo, aberto polo goberno de Inés Rey o pasado 21 de marzo, serve como mecanismo de apoio ás persoas refuxiadas de Ucraína, facilitándolles todo tipo de información e axuda nos trámites de servizos administrativos (asesoramento, tradución e interpretación, xestión de axudas…).
A estes recursos súmase unha axuda económica de acollida que o Concello ofertará aos recentemente chegados mentres se tramitan as de outras administracións. “Trátase dunha pequena cantidade variable en función dos membros da unidade familiar, e que percibirán durante tres meses para que os refuxiados poidan contar cun diñeiro de peto que facilite a súa vida diaria”, sinalou a concelleira de Benestar Yoya Neira. Esta axuda de acollida é posible grazas a un convenio de 50.000 euros doados por Inditex a través da Fundación Emalcsa.
A OMAPU leva atendidas un total de 74 familias durante as súas primeiras semanas de actividade, prestando servizo a 191 persoas, das cales 97 son mulleres e 75 menores. Do total das atencións, 107 realizáronse de forma presencial no espazo físico habilitado para o servizo da Oficina Municipal de Apoio ao Pobo Ucraíno, sito na Rúa Matadoiro número 68.
Das 74 familias rexistradas, 56 foron atendidas polo Servizo Municipal de Información, Valoración e Orientación en materia social (SIVO), para estudar a necesidade de acceso a recursos e prestacións do sistema de protección social. Un total de 17 deriváronse ao programa, xestionando o seu acceso aos recursos do sistema de servizos sociais do Concello da Coruña así como de outras administracións. Entre eles atópase a xestión da prestación “tarxeta moedeiro”, tramitada para 10 familias co obxectivo de axudar a sufragar gastos básicos de alimentación e farmacia.
Ademais, tramitáronse tamén dende a OMAPU varias axudas de carácter urxente a través de Servizo Municipal de Atención a Urxencias Sociais (SEMUS). Un total de 11 intervencións en materia de acollida, desprazamento, manutención e aloxamento que axudaron ás familias a iniciar o seu camiño na cidade, logo de ter que fuxir dos seus fogares. A este servizo, súmase a posta en marcha do programa de bolsas para familias de acollida o pasado 23 de marzo. Á oficina da OMAPU chegaron un total de 18 inscricións de familias, das que só 9 eran residentes no termo municipal. Finalmente, ao programa de acollida accederon 5 familias, convocadas o pasado xoves 21 de abril no Centro Cívico da Cidade Vella para un curso formativo da man de Cruz Vermella España. Neste curso, as familias recibiron información sobre o proceso de acollida así como de recursos de interese asociados a dito procedemento, especificamente nos servizos de axuda psicolóxica e de acompañamento durante o acollemento das persoas refuxiadas.
Esta axuda é de tipo temporal e activarase en caso de necesidade ata que a entidade Accem, responsable de tramitar o acceso ao Sistema de Acollida e Protección Internacional, confira unha praza definitiva á persoa en proceso de acollemento. Das 74 familias atendidas pola OMAPU, 14 deriváronse a este Sistema de Acollida Temporal ACCEM, xestionando 14 fogares de acollida para as familias refuxiadas. Ademais, dentro do programa de voluntariado para o acompañamento de persoas ucraínas, recibíronse un total de 14 solicitudes das cales sete xa obtiveron a certificación como persoas voluntarias.
Ademais, o pasado 21 de abril, o Concello da Coruña iniciou os cursos de español para persoas ucraínas chegadas á cidade. Un total de 30 persoas (20 adultos e 10 menores) comezaron a pasada semana unha formación gratuíta en español, co obxectivo de fomentar a súa integración social na contorna da cidade. Este próximo xoves 28 comezará unha nova convocatoria, con outras 30 distribuídas do mesmo xeito (20 adultos e 10 menores), que se estenderá ata o 31 de agosto. 3 meses de formación gratuíta en español financiados polo Concello da Coruña, co obxectivo de eliminar as barreiras idiomáticas que afectan á súa integración na cidade en todos os eidos —laboral, escolar, cultural e social— e que poñen de manifesto o apoio do Goberno de Inés Rey, solidarizado coas víctimas do pobo ucraíno dende o inicio da guerra con Putin e co obxectivo de convertir A Coruña nunha cidade solidaria.
Carreira Solidaria Coruña C-10 con AGA-Ucraína
O pasado domingo 24 de abril levouse a cabo a Carreira Solidaria Coruña C-10, dedicada á asociación AGA-Ucraína en apoio ao seu labor polas vítimas do conflito bélico e na que todas as persoas de acollida foron chamadas a participar. A cita deportiva, celebrada no Parrote, recaudou preto de 3.000 euros destinados para a compra e traslado de material sanitario de forma íntegra, dada a gran demanda que existe nos hospitais de Ucraína pola falta de abastecemento no sector sanitario. A Asociación AGA-Ucraína, encargada de xestionar os fondos solidarios recaudados na carreira, xa mercou 150 kits de primeros auxilios coas doazóns recollidas na convocatoria da C10.
A concelleira de Deportes, Mónica Martínez, fixo hoxe entrega simbólica do cheque coa recaudación da carreira aos representantes da entidade solidaria, Natalia Afónina y Antonio Corredoira.
Para a súa recadación fixéronse varias actividades solidarias. Ademais da creación do dorsal 0 ou dorsal solidario, levouse a cabo unha actividade de zumba no mesmo espazo da carreira e a disposición dun posto físico cunha urna para doazóns. Ademais, a habitual concentración en solidaridade co pobo Ucraíno trasladouse da praza de María Pita ao Parrote, onde un grupo de mulleres refuxiadas cantaron o himno ucraniano e comunicaron un manifesto pola paz do seu país.
Ademais, a través da OMAPU, 13 entidades deportivas ofertaron actividades gratuítas ás persoas ucraínas atendidas no servizo municipal. Entre a oferta atópanse clubs de atletismo, esgrima, fútbol, ximnasia ou escalada, así como ximnasios, ofertando nalgúns casos non só actividades senón tamén a oportunidade de incorporarse aos equipos de traballo deportivos. Nestas primeiras semanas deriváronse 8 menores a programas deportivos ofertados por distintas entidades, fomentando a súa inclusión social na cidade.
Finalmente, a concelleira Yoya Neiro avanzou tamén que o Concello asinará proximamenteun convenio nominativo, por valor de 15.000 euros, para apoiar a AGA Ucraína no labor que están a levar a cabo de atención á persoas refuxiadas.