Saturday 16 de November de 2024

O Concello pon en marcha a renovación completa da iluminación pública da cidade, que comeza cun investimento de máis de 15 millóns de euros


A Xunta de Goberno Local aprobou a licitación das obras para a reforma integral do centro cívico do Birloque, onde tamén se creará unha aula virtual TIC para facilitar o acceso a Internet ás veciñas e veciños

Ademais, tamén se dou luz verde ás licitacións dos traballos de ampliación para a humanización da rúa Alcalde Marchesi; a rotonda entre Ramón y Cajal e avenida do Exército; a reurbanización da travesía de Fernández-Latorre e o novo tramo do carril bici na contorna de Riazor

O Concello da Coruña aprobou este venres, en sesión extraordinaria da Xunta de Goberno Local, a adxudicación dos traballos para comezar a renovación completa da iluminación pública da cidade, unha ambiciosa intervención financiada principalmente con Fondos FEDER a través do IDAE, e que permitirá que o Goberno municipal acometa, en todos os barrios da Coruña, a substitución das lámpadas obsoletas por dispositivos de última xeración e tecnoloxía led, regulados por tramos horarios.

A alcaldesa, Inés Rey, detallou polo miúdo esta intervención, coa que serán substituídas máis de 21.000 lámpadas, “o que non só redundará nunha mellora da iluminación en todos os puntos da cidade, senón que suporá un aforro no gasto enerxético con respecto ao actual, liberando recursos municipais para outros moitos investimentos”.

Inés Rey resaltou a importancia desta actuación para ofrecer un mellor servizo á cidadanía: “Falamos dun investimento total xa aprobado de 30,4 millóns de euros, cifa que inclúe as 12 millóns de Fondos FEDER conseguidos por este Goberno. Hoxe adxudicamos o primeiro lote, por máis de 15 millóns de euros, e que permitirá poñer en marcha de xeito inmediato, nos vindeiros tres meses, os traballos previstos”.

A renovación da iluminación pública comezará nos distritos sur e sureste da cidade, en barrios como O Castrillón, Eirís, A Gaiteira, Catro Camiños, Os Castros, Elviña, O Birloque, Mesoiro, Novo Mesoiro e Feáns, onde se substituirán máis de 12.000 puntos de luz. “Tamén axudaremos, así, a reducir as emisións de CO2, evitando que case 6.000 toneladas de dióxido de carbono cheguen á atmosfera cada ano”, apuntou a alcaldesa.

Nesta primeira fase da intervención tamén se actuará en 305 centros de mando para controlar e regular, de xeito remoto, a intensidade da iluminación, introducindo correccións de xeito inmediato nas luminarias onde fose preciso.

Licitación da obra de reforma do centro cívico do Birloque
Ademais, a XGL tamén aprobou esta mañá a licitación das obras para a reforma integral do edificio do centro cívico no barrio do Birloque, unha intervención cofinanciada con Fondos FEDER, que conta cun orzamento de 797.912 euros e contribúe, ademais, á estratexia EidusCoruña para un desenvolvemento urbano sustentable e integrado.

A renovación do recinto, sinalou Inés Rey, básease en dúas premisas, “a primeira, facelo máis accesible ás persoas usuarias; e, por outra banda, atender ás súas necesidades persoais e profesionais”. Neste sentido, a reforma do centro cívico do Birloque abrangue a creación dunha aula virtual TIC que facilitará o acceso a Internet ás veciñas e veciños. “Con esta medida buscamos incrementar as competencias dixitais das persoas usuarias, reducindo a fenda dixital —especialmente a de xénero— e axudar, ademais, á mellora na empregabilidade dos colectivos máis vulnerables e en risco de exclusión social”, destacou a alcaldesa.

Desde a súa posta en marcha, os traballos de reforma do centro cívico municipal no barrio do Birloque terán unha duración de seis meses e permitirán a renovación total do centro para facelo máis útil e confortable aos veciños.

Luz verde á ampliación para a humanización de Alcalde Marchesi
Tamén hoxe, a Xunta de Goberno Local aprobou a licitación dos traballos de ampliación para a humanización da rúa Alcalde Marchesi, no tramo entre as rúas Ramón y Cajal e Posse, así como na rúa Río Monelos ata o viaduto que atravesa a avenida de Oza.

A intervención, que se enmarca no proxecto do Goberno de Inés Rey para que A Coruña conte cunha rolda peonil que atravese a cidade de leste a oeste, será financiada con fondos Next Generation conseguidos polo Concello, e contará cun orzamento de 900.000 euros. “Apostamos, unha vez máis, por seguir creando áreas de preferencia peonil, porque o noso obxectivo é aumentar a calidade urbana dos espazos públicos”, afirmou a alcaldesa. O prazo de execución das obras, desde a súa posta en marcha, será de cinco meses.

A glorieta entre Ramón y Cajal e a avenida do Exército, tamén a licitación
Ademais, a Xunta de Goberno Local deste venres aprobou outras tres licitacións para a posta en marcha de tres intervencións en materia de circulación e mobilidade alternativa e sustentable.

A primeira, a da glorieta no cruzamento entre Ramón y Cajal e a avenida do Exército, “que axudará á mellora do tráfico rodado e a unha maior integración dos vehículos sostibles, como as bicicletas, garantindo tamén avances en materia de seguridade viaria”, apuntou a alcaldesa, Inés Rey. O orzamento desta nova glorieta será de 542.836 euros e o prazo de execución das obras será de seis meses.

Tamén se aprobou a licitación da reurbanización total da travesía de Fernández-Latorre, no barrio de Catro Camiños. Os traballos están financiados con fondos Next Generation e permitirán a transformación do espazo urbano cun maior protagonismo para peóns e ciclistas. Neste sentido, a actuación abrangue a creación dun novo tramo do carril bici conectado á rede xa existente. “É un novo impulso ao plan de mobilidade alternativa que impulsa este Goberno desde o comezo de mandato”, valorou Inés Rey. Os traballos contan cun orzamento de 761.000 euros e un prazo de execución de sete meses.

Por último, a XGL dou luz verde á licitación dos traballos para a construción do novo tramo do carril bici que pasará pola avenida da Habana e a rúa Gregorio Hernández, ampliando a rede xa existente á contorna de Riazor e Cidade Xardín cun percorrido de 1,2 quilómetros que estará conectado co paseo marítimo e, ademais, contribuirá a remodelar e humanizar a zona. As obras contan cun orzamento de 550.000 euros e un prazo de execución de doce meses.

A ampliación do rexistro municipal de María Pita
Noutra orde de asuntos, a Xunta de Goberno Local aprobou a licitación para a reforma do rexistro de María Pita, unha das dependencias municipais que atende a diario a un maior número de persoas.

A reestruturación destas dependencias está orientada a facelas máis áxiles e operativas na súa atención ao público. Neste sentido, o rexistro pasará a ter unha superficie de 375 metros cadrados, fronte aos 200 actuais, e permitirá que os postos de atención pasen a ser 20, ampliando a atención simultánea á cidadanía. Ademais, o rexistro tamén contará cunha sala de agarda máis ampla, ofrecendo unha maior comodidade ás persoas usuarias. “Será, en definitiva, un novo avance para facer máis eficiente a atención ás persoas da nosa cidade”, valorou Inés Rey.

A renovación do rexistro municipal de María Pita contará cun orzamento de 922.000 euros e terá un prazo de execución de seis meses desde a posta en marcha dos traballos. “Esta Xunta de Goberno Local reflicte ben as políticas levadas a cabo polo meu goberno durante este mandato. Hoxe tramitamos investimanos que suman 20 millóns de euros e que, ademais, repártense pola práctica totalidade dos barrios da cidade. Desde o Birloque a Riazor pasando por Catro Camiños e, dentro do contrato de iluminación, por moitos máis. Queremos unha cidade mellor, con máis servizos e mellor calidade urbana, unha cidade máis atractiva capaz de xerar emprego e riqueza. E estámola a conseguir con investimentos como os aprobados esta mañá”, indicou Inés Rey