Friday 22 de November de 2024

O Concello pobrense mellora o firme de tres vías da localidade


Recentemente finalizaron as obras de pavimentación en tres estradas da Pobra do Caramiñal, ao abeiro do Plan de acción social 2015 (PAS) da Deputación da Coruña. Para dar conta delas, o alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra); a concelleira dos Servizos Municipais, Estefanía Ramos (Nós Pobra); e o arquitecto técnico municipal, Héctor Muñiz, desprazáronse ata a rúa Antón Paz Míguez, unha das incluídas no proxecto. Nesta vía realizouse a fresadura do firme existente, a roza e a limpeza do terreo con medios mecánicos, a retirada dos materiais escavados e a reposición do asfalto.

Tamén se interveu nunha pequena área de San Lázaro, concretamente na marxe dereita da AC-305, na dirección cara a Boiro, onda a balaustrada do río das Pedras, co obxectivo de acondiciona-lo espazo. Efectuouse así a limpeza e escavación da base existente para a aplicación de grava natural calcaria e, por último, a extensión de pavimento de formigón puído cunha capa de resina impermeabilizante.

Así mesmo, executouse a segunda fase da mellora do acceso na contorna do CEP Salustiano Rey Eiras. Os traballos consistiron na fresadura do firme, na retirada dos residuos e nunha nova base de aglomerado.

A totalidade das actuacións foi adxudicada á empresa Ponciano Nieto S.L. por un importe de 29 649’82 euros, IVE incluído.