Friday 22 de November de 2024

No que vai de ano máis de trescentas persoas participaron no programa de atención psicolóxica a vitimas da violencia de xénero


A Xunta, coa colaboración do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, prestou axuda psicolóxica a un trinta e tres por cento máis de persoas vítimas da violencia de xénero no primeiro semestre deste ano

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, compareceu nunha rolda de prensa onde fixo balance das axudas e recursos postos a disposición das vítimas de violencia de xénero, no primeiro semestre do ano 2015.

No que vai de ano, xa van 340 as persoas atendidas a través do programa de atención psicolóxica a mulleres vítimas da violencia de xénero e aos seus fillos e fillas, 114 máis que no pasado ano. Dos 340 partícipes do programa, 241 son mulleres, 83 menores e 16 persoas dependentes ao seu cargo.

Na actualidade, o programa, impulsado pola Secretaría Xeral da Igualdade en colaboración co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia dende hai máis de dez anos, conta cunha rede de 120 terapeutas repartidos por toda a xeografía galega. Como novidade, dende o pasado ano incorporáronse melloras substanciais, como a activación do grupo CIPCE, en casos especialmente graves de intervención psicolóxica en catástrofes e emerxencias.

Pola súa banda, o programa “Abramos o Círculo”, orientado a homes con problemas de control da violencia no ámbito da parella e da familia participaron 85 homes, 25 máis que no primeiro semestre do pasado ano.

No marco da rolda, a titular da Igualdade quixo recordar as dúas mulleres que morreron asasinadas polas súas parellas no que vai de ano, e por de manifesto que elas supoñen “a punta do iceberg dunha lacra que sofren milleiros de mulleres e que supón un gravísimo atentado contra os seus dereitos máis elementais”.

Ademais, López Abella lembrou que dende hai dous anos o Goberno galego aprobou un protocolo para o exercicio da acción popular por parte da Xunta nos procedementos penais en casos de morte por causa de violencia de xénero. Desde entón, son sete os procedementos nos que a Administración autonómica está persoada.

Axudas económicas
A Secretaría Xeral da Igualdade concedeu, no primeiro semestre do ano, axudas económicas a 142 mulleres, 23 máis que no mesmo período do pasado ano. Preto do 75 por cento destas axudas correspóndense coa modalidade de pagamento periódico, nas que as vítimas reciben mensualmente cantidades que oscilan entre os 300 e os 800 euros mensuais. No resto dos casos, recibiron axudas de pagamento único por acreditar insuficiencia de recursos e especiais dificultades para acceder a un emprego ou en concepto de indemnizacións.

Xeograficamente, das 142 mulleres beneficiarias destas axudas, a meirande son da provincia da Coruña, seguidas de Pontevedra, Lugo e Ourense.

Centros de acollida, de recuperación integral e información
Os cinco centros de acollida que conforman a Rede Galega de Acollemento (A Coruña, Ferrol, Ourense , Lugo e Culleredo) e no Centro de Emerxencias de Vigo, residiron sucesiva e temporalmente un total de 145 persoas, 84 mulleres e 61 menores.

Por outra parte, o Centro de Recuperación Integral para mulleres que sofren violencia de xénero atendeu neste primeiro semestre a 66 persoas usuarias, das cales 28 foron mulleres, 30 menores e 8 persoas dependentes. A apertura do centro, que tivo lugar a mediados do pasado ano, supón un paso moi importante na loita contra este tipo de violencia e no apoio as súas vítimas de cara a unha atención e recuperación integral, co obxectivo de que as mulleres acaden a súa autonomía persoal.

As consultas ao teléfono de información á muller, 900 400 273, conveniado co 016, ascenderon a 2.274, sendo a meirande parte con cuestións relacionadas coa atención psicolóxica, a área de recursos e a área xurídica.

Por último, o servizo de asesoramento xurídico online recibiu 37 consultas e, o servizo de teletradución foi utilizado máis que no pasado ano. Este servizo multilingüe está instalado en 57 CIMs, en todos os centros de acollida, no Centro de Recuperación Integral e en 11 ONGs, podendo prestar atención a usuarias inmigrantes en máis de 50 idiomas diferentes.