A Concellería de Deportes abre o prazo de inscrición para a XXVII Milla Escolar que se desenvolverá o domingo 8 de maio na Avenida do Mar de San Valentín, a carón do pavillón da Xunqueira. Poderán participar nenos/as de 3 a 16 anos. As carreiras comezarán ás 11:00 horas e concluirán sobre as 12:30 horas, sendo os primeiros participantes os rapaces/as das categorías superiores (Cadetes) e os últimos os da categoría Prebiberón 1. No caso de mal tempo, a proba trasladarase ao interior do pavillón polideportivo da Xunqueira.
A “Milla Escolar” é xa unha das probas clásicas e consolidadas do Concello de Fene, cunha participación aproximada nas últimas edicións, antes da pandemia da Covid 19, duns 500 nenos e nenas de toda a bisbarra. Para apuntarse, cómpre enviar a ficha de inscrición cuberta (dispoñible en www.fene.gal) a cultura.deportes@fene.gal ou entregala no Departamento de Cultura e Deportes (Avda. Naturais, nº 44, entrechán) até as 13:00 horas do mércores 4 de maio. Tamén se recollerán inscricións individuais
de última hora o día da carreira, de 9:30 a 10:30 horas.
Segundo se establece no regulamento da proba, as categorías establécense por anos de nacemento e aulas (ou idades equivalentes ás de cada curso). Deste xeito, favorécese a participación de nenos e nenas
da mesma aula, sobre todo nas categorías inferiores. Ademais, en todas as categorías diferenciarase entre masculino e feminino. E as distancias a percorrer nas distintas carreiras variarán segundo as idades dos participantes, entre os 50 e os 900 metros.
Categorías e distancias
Levarán trofeo os/as 3 primeiros/as clasificados/as de cada categoría.
CATEGORÍA Aula equivalente Voltas Avda do Mar Voltas Pavillón
1 volta pequena: 200 mts 1 volta: 125 mts
1 volta grande: 300 mts
CADETE Aulas 3º – 4º ESO 900 m. 7 voltas
(nados/as en 2006 3 voltas grandes á recta (875 mts)
e 2007) de 150 mts
INFANTIL aulas 1º – 2º ESO 600 m. 5 voltas
(nados/as en 2008 e 2 voltas grandes á recta (625 mts)
2009) de 150 mts
ALEVÍN aulas 5º – 6º Primaria 400m 3 voltas
(nados/as en 2010 e 2011) 2 voltas pequenas á (375mts)
recta de 100 mts
BENXAMÍN Aulas 3º – 4º Primaria 200 m 2 voltas
(nados/as en 2012 e 2013) 1 volta pequena á recta (250mts)
de 100 mts
PREBENXAMÍN Aulas 1º e 2º Primaria 200 m 2 voltas
(nados/as en 2014 e 2015) 1 volta pequena á (250 mts)
recta de 100 mts
Categorías que corren en grupos reducidos.Todos os/as nenos/as levarán medalla pero non trofeo.
BIBERÓN Aula de infantil de 5 100 m 1 volta
anos (nados/as no 2016) Recta (125 mts)
PREBIBERÓN 2 Aula de infantil de 4 50m ½volta
anos (nados/as no 2017) Recta (65 mts)
PREBIBERÓN 1 Aula de infantil de 3 50m ½volta
anos (nados/as no 2018) Recta (65 mts)
Os participantes das categorías correspondentes aos cursos de Educación infantil (“Prebiberón 1”, “Prebiberón 2” e “Biberón”) non sairán nas carreiras todos xuntos, senón por quendas de 10-12 participantes aproximadamente, para evitar aglomeracións na saída que poidan provocar caídas. Por este motivo non se realizará a medición dos primeiros clasificados nestas categorías e non haberá trofeos, aínda que sí haberá medalla para tódolos participantes.
Ao remate de cada proba terá lugar a entrega de medallas a tódolos participantes e, unha vez que finalicen todas as carreiras, entregaranse trofeos aos tres primeiros clasificados de cada categoría, agás nas categorías de Prebiberón 1, Prebiberón 2 e Biberón.
A circulación dos asistentes desenvolverase polas rúas transversais de San Valentín, deixando rúas alternativas de entrada e saída. Ademais contarase cos aparcadoiros da entrada de San Valentín. Efectivos da Policía Local e de Protección Civil indicarán aos participantes o lugar de aparcadoiro e rúas de circulación.