— Durante a xornada de hoxe os alumnos danse cita no Aeródromo de Rozas, onde recrean todas as fases dun proxecto espacial real
— Os gañadores absolutos da fase galega competirán a nivel nacional desta iniciativa
Arredor de 70 estudantes de oito centros educativos de Galicia danse cita durante a xornada de hoxe nas instalacións do centro de investigación aeroportada de Rozas ( CIAR), para participar na fase galega do certame de proxectos espaciais CanSat, unha competición promovida pola Axencia Espacial Europea na que os alumnos realizan unha simulación dun satélite desde a súa concepción ata o lanzamento ao espazo e posterior recollida de datos.
A Xunta de Galicia apoia por terceiro ano consecutivo a organización da fase galega desta xornada da cal sairán os representantes que acudirán á competición a nivel estatal.
Concretamente, a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, -a través da Axencia Galega de Innovación- apoia a fase rexional de CanSat no marco do seu programa de vocacións científico-tecnolóxicas Voando alto, sumando vocacións, que ten por obxectivo impulsar novas vocacións no sector aeroespacial, fundamentalmente entre as nenas, e captar e reter talento. Contempla actividades como a Aula Newton Permanente de Tecnópole, un certame creativo dirixido a centros de Educación Infantil e Primaria ou obradoiros e visitas guiadas ao Centro de Investigación Aeroportada de Rozas e ao Parque Tecnolóxico e Industrial de Rozas, entre outras.
Pola súa banda, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade apoia o impulso tecnolóxico e dixital nos centros educativos a través de programas e dotación específica como os Polos Creativos que se van impulsar ao abeiro da Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, cun investimento de 8M€.
Proxecto real dun satélite desde a súa concepción ata o lanzamento
Os participantes levan desde primeira hora da mañá preparando a súas correspondentes actuacións que inclúen a instalación do espazo de traballo, a preparación do CanSat e os lanzamentos e a presentación dos resultados obtidos dese lanzamento a partir dos cales o xurado emitirá o seu veredicto.
Un CanSat é unha simulación satélite integrada dentro dunha lata de refrescos. O desafío para o alumnado consiste en introducir nun espazo reducido os principais elementos dun satélite real, como a alimentación eléctrica, os sensores e o sistema de comunicacións. A continuación lánzase o CanSat a unha altura aproximada dun quilómetro e déixase caer desde unha plataforma mediante un dron, un globo cautivo, un cohete ou calquera outro método. O experimento científico consiste en lograr unha aterrizaxe sen danos e a análise dos datos durante o descenso.
Centros participantes
Os centros participantes son o CPI Poeta Uxío Novoneyra (Pedrafita do Cebreiro), o IES Breamo (Pontedeume), o IES Eduardo Blanco Amor (Culleredo), IES Rafael Dieste (A Coruña), IES Eusebio da Guarda (A Coruña), IES Ramón Caamaño (Muxía), IES Aquis Celenis (Caldas de Reis), Colexio de Fomento Montecastelo e Acacias (Vigo).
Xa pola tarde, unha vez rematados os lanzamentos, o xurado avaliará os resultados e procederase á entrega dos cinco premios establecidos. Haberá un ao Mellor Proxecto CanSat (o que obteña a mellor puntuación global e que será o que pase á fase nacional), Mellor Logro Técnico (mellor puntuación neste apartado), Misión Científica Máis Destacada (ao equipo con mellores cualificacións no apartado de valor científico), Equipo Máis Profesional (ao apartado de competencias profesionais) e Mellor Difusión e Patrocinio (que reciba maior puntuación no ámbito da difusión).