Entre hoxe e mañá, a cidade estará representada neste evento sobre a natureza que pon fin a cinco anos de investigación e innovación do proxecto Connecting Nature
A cidade de A Coruña continuará amosando o seu compromiso co medio ambiente participando no cume Connecting Nature Impact Summit, que ten como obxecto principal pór en marcha solucións apoiadas na natureza, e que ten lugar no Thor Park da cidade belga de Genk, entre hoxe e mañá, 29 de abril.
O evento é híbrido, presencial e a distancia, e conta con diferentes actividades como obradoiros, mesas redondas, visitas a lugares de interese, actuacións e exposicións. Os tres temas fundamentais serán as políticas e estratexias para a implantación das solucións fundamentadas na natureza, o proceso e desenvolvemento dos plans de acción e a administración da natureza e dos medios naturais.
Esta xuntanza pon fin ao proxecto Connecting Nature, financiado pola Unión Europea mediante o fondo Horizon 2020 de innovación, que aglutina ata a trinta socios, nos que se inclúen cidades, universidades e empresas internacionais. Así, durante este cume exporanse os resultados e as innovacións experimentadas durante os cinco anos de duración do estudo.
Cada unha das once cidades participantes, das que só dúas son españolas, A Coruña eMálaga, conta cun caso único de estudo especializado. No caso da Coruña, traballouse sobre a creación de redes de hortas urbanas, proxecto que terá continuidade coa ampliación dos diferentes espazos existentes na actualidade e a apertura dun novo no parque de Adolfo Suárez.
A inscrición para participar neste evento segue aberta na páxina web https://form.jotform.com/220523892818360.