Sunday 24 de November de 2024

Volven os ‘Paseos pola Coruña literaria’ coa presenza de destacados autores e autoras en lingua galega


A primeira sesión será este sábado coa poetisa, activista e mariscadora Teresa Ramiro. Xa está aberto o prazo de inscrición

Tamén participarán Manel Cráneo, Susana Sánchez Aríns e Marilar Aleixandre

O sábado 30 de abril comeza unha nova edición dos ‘Paseos pola Coruña literaria’ de primavera, organizados polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña e coa colaboración da Asociación de Escritores/as en Lingua Galega. Esta actividade, un dos grandes clásicos da programación do servizo de normalización, propón unha serie de rutas guiadas por escritores e escritoras que ambientaron as súas obras na cidade da Coruña.

Despois do éxito da anterior edición de outono, que visibilizou a enorme importancia da literatura infantil e xuvenil en lingua galega, e que tivo como guías de excepción a Antonio M. Fraga, Andrea Maceiras, Érica Esmorís e Imma Antonio Souto, volven os paseos da man de autores e autoras de diferentes xéneros literarios.

O primeiro dos paseos “O ritmo das mareas” será este sábado, 30 de abril, ás 12.00 horas, e cuxa guía será a poetisa, activista e mariscadora Teresa Ramiro, autora do poemario ‘Fundido a negro’, e que na contorna das Xubias falará das historias da ría, das súas traballadoras e, por suposto, de lírica. O prazo de inscrición está xa aberto.

A segunda das rutas, o sábado 14 de maio ás 12.00 horas, estará comandada por un dos nosos referentes máis coñecidos da banda deseñada, Manel Cráneo, autor de obras tan coñecidas como ‘Os lobos de Moeche’ ou ‘Cousas de mortos’ e impulsor de Demo Editorial.

Baixo o título “A Coruña, capital da banda deseñada galega”, iremos atravesando A Coruña por unha das súas grandes avenidas para lembrar o pasado, atender ao presente e proxectar o futuro da banda deseñada en galego.

O terceiro dos paseos, o 21 de maio ás 12.00 horas, leva por título “Paseo imaxinario pola vida e obra de Luz Pozo Garza”. Susana Sánchez Aríns, poeta e narradora de obras como ‘Superulex’ ou ‘Seique’, lembrará o centenario do nacemento dunha das nosas máis grandes poetas, Luz Pozo Garza. Desde a fantasía e a lírica, Aríns, desde o corazón da cidade, fará un percorrido pola vida e obra de Luz Pozo desde un punto de vista moi especial.

A última das intervencións desta edición de primavera será a de Marilar Aleixandre, unha das voces femininas máis recoñecidas da nosa literatura, autora de obras tan relevantes como ‘Catálogo de velenos’ ou ‘A cabeza da Medusa’. O día 28 de maio, ás 12.00 horas, coñeceremos “As malas mulleres”, onde Aleixandre lembrará o antigo cárcere de mulleres da Galera baseándose na súa propia novela, para falar das condicións de vida neses penais femininos, e onde aparecerán, tamén, nomes tan senlleiros como os de Concepción Arenal ou Juana de Vega.

Todos os paseos son de balde logo da previa inscrición no enderezo de correo electrónico inscricionslingua@coruna.gal. O número máximo de asistentes será de 55 persoas e a duración de cada ruta será de arredor de hora e media, con paradas programadas polos autores e autoras.