Co obxectivo de informa-la veciñanza sobre a compostaxe doméstica e resolve-las dúbidas que poidan presentar ao respecto, no 29 de abril, en horario de 16.00 a 19.00 horas, establecerase un posto informativo nos Xardíns de Valle-Inclán. Posteriormente, a partir das 20.00 horas, no teatro cine Elma impartirase unha charla formativa sobre a xestión da materia orgánica na orixe, aberta a toda a cidadanía en xeral, coincidindo coa convocatoria para a entrega de composteiros individuais e material divulgativo aos novos fogares participantes ao abeiro da terceira campaña do programa de autocompostaxe en vivendas unifamiliares impulsado pola Concellaría do Medio Ambiente da Pobra do Caramiñal, da cal é titular a edil Genoveva Hermo (Nós Pobra).
As ditas accións realízanse enmarcadas nunha subvención da cal resultou beneficiaria a Administración local, adscrita ás axudas do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico na convocatoria de Residuos 2020 (PIMA e Pemar), que coas liñas de compostaxe pretende reduci-las emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) e mellorar na consecución do Plan estatal marco de xestión de residuos (Pemar).