Saturday 16 de November de 2024

O Arteixo CCA celebra o Día da Nai repartindo postais e regalando unha experiencia de lecer


O debuxante arteixán ‘Cheíño de Tó’ deseña unha felicitación en clave humorística que servirá como participación nun sorteo.

A persoa gañadora poderá elixir premio entre tres días de aluguer de autocaravana, unha experiencia de ocio en parella ou unha experiencia familiar.

O próximo domingo, 1 de maio, celébrase o Día da Nai e os establecementos asociados ao Arteixo Centro Comercial Aberto están repartindo entre os seus clientes unha felicitación especial asinada por Juan José Barro, máis coñecido polo seu nome artístico ‘Cheíño de Tó’. O debuxante arteixán, famoso polas súas ilustracións humorísticas sobre a actualidade municipal, preparou un deseño exclusivo que está a ser distribuído, en forma de postal, entre todas as persoas que fan as súas compras no comercio local.

Cada unha das postais inclúe un número que servirá para participar no sorteo dunha experiencia de lecer. O número gañador será o que coincida coas tres últimas cifras do sorteo extraordinario da ONCE do Día da Nai, que se celebrará o propio domingo, e a persoa afortunada poderá elixir entre tres alternativas: tres días de aluguer dunha autocaravana ou camper con NG Camper Galicia; dúas noites de aloxamento para dúas persoas con almorzo, visita a unha adega do Ribeiro e experiencia termal ou dúas noites de hotel en Torrelavega con entradas para o parque do Cabárceno e o Museo do Xurásico de Asturias, estas dúas últimas opcións da man de Galiviaxes.

Identificación co comercio local

A través desta iniciativa, o Arteixo CCA quere impulsar as compras no comercio de proximidade ao tempo que se reivindica o traballo de creadores locais como ‘Cheíño de Tó’. A presidenta da asociación que agrupa ao pequeno comercio, a hostalería e os servizos, Ángela Sánchez, destaca que, con este tipo de propostas, “buscamos non só incentivar o consumo, senón acadar unha maior identificación das veciñas e os veciños de Arteixo cos pequenos negocios da súa vila, e en datas tan especiais como o Día da Nai queremos lembrarlles que forman parte da súa vida cotiá”.