Friday 22 de November de 2024

O Concello reformará a totalidade de Ramón Cabanillas e iniciará este ano a remodelación da Casa Veeduría


Na rúa de Ramón Cabanillas, no barrio dos Mallos, crearase unha plataforma única, instalarase novo mobiliario, mellorarase a iluminación e o saneamento e plantaranse árbores

A Casa Veeduría, un espazo emblemático da cidade, será recuperada para o uso da cidadanía e tamén reformada, coa creación dun centro de día, sala de exposicións, auditorio, sala de estudo e ampliación do centro cívico, entre outros servizos

O Concello da Coruña aprobou este mércores, en sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local, a reforma integral da rúa Ramón Cabanillas, no barrio dos Mallos. O obxectivo principal desta actuación será a humanización desta vía e a súa mellora funcional e estética, gañando protagonismo para os peóns.

Esta obra de remodelación da rúa Ramón Cabanillas está enmarcada nas políticas levadas a cabo polo Goberno municipal, na busca dunha cidade máis amable para as persoas e cunha maior presenza de rúas peonís ou que prioricen o tránsito de persoas. A alcaldesa, Inés Rey, explicou os detalles deste proxecto, que conta cun orzamento de 923.884,53 euros e suporá unha mellora integral da rúa.

“Este Goberno ten o firme compromiso de mellorar o espazo urbano para as persoas, facendo da Coruña unha cidade máis humana. Neste sentido, a remodelación de Ramón Cabanillas dará resposta a unha necesidade do barrio dos Mallos, igual que no seu día fixo tamén o Concello con Ángel Senra”, sinalou Inés Rey.

A actuación desenvolverase na rúa Ramón Cabanillas, incluíndo as interseccións coa avenida dos Mallos e a rúa Río Traba. Trátase dunha zona cunha gran presenza do tráfico rodado, o que limitaba o tránsito peonil. As novas actuacións irán na liña das executadas polo goberno de Inés Rey na zona do Mercado Municipal de Ramón Cabanillas.

A vía será de plataforma única, cunha zona compartida entre peóns e vehículos autorizados de entre 3,5 e 4 metros. Ademais, procederase á renovación do pavimento da calzada e das beirarrúas, da rede de saneamento e do alumeado público. Os traballos tamén dotarán á zona de novo mobiliario urbano e plantaranse novas árbores.

Aprobación para a remodelación da Casa Veeduría
A Xunta de Goberno Local deste mércores tamén aprobou a licitación da obra deremodelación da Casa Veeduría, unha intervención integral dun espazo emblemático da
cidade que suporá un investimento de 2.993.268 euros. O proxecto para a reforma de Veeduría, cun prazo de execución de 15 meses, permitirá ampliar o centro cívico e tamén a creación dun centro de día, unha sala de estudos, un auditorio, unha sala de exposicións, unha zona de xogos e reserva, ademais, un espazo para crear un viveiro de empresas.

Inés Rey puxo en valor a recuperación da Casa Veeduría. “Ampliamos os servizos na Cidade Vella axudando a restaurar o noso patrimonio. Son case 4.000 metros cadrados que recuperamos para uso cidadán e que contribuirán á revitalización da Cidade Vella xunto con outras actuacións que estamos a levar a cabo nese ámbito ou que xa están rematadas, como a mellora de Nosa Señora do Rosario”, sinalou a rexedora.

A creación da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a violencia de xénero

Noutro punto da orde do día, a XGL aprobou a creación da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a violencia de xénero, unha ferramenta na que estarán representados todos os ámbitos municipais, e outros, implicados directamente ou indirectamente, contra a violencia de xénero.

“Temos como obxectivo procurar unha maior eficiencia e coordinación das actuacións contra un problema público, a violencia de xénero, unha lacra que debemos rexeitar como sociedade. Nesta loita, podemos, e debemos axudar todos”, sinalou a alcaldesa.

Unha das metas da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a violencia de xénero será a detección precoz dos casos. “Debemos ir un paso por diante, traballar coa anticipación necesaria e, ademais, incrementar a percepción de que a violencia de xénero é un problema social”, agregou Inés Rey.

A zona de baixas emisións na cidade
A alcaldesa tamén abordou a aprobación en XGL da creación e implantación da zona de baixas emisións na cidade. “A nova Ley de Cambio Climático y Transición Energética establece medidas que deberán aplicar as cidades de máis de 50.000 habitantes, algo ao que A Coruña non pode permanecer allea”, sinalou. Neste sentido, Inés Rey recordou que “toda a Mariña e a Cidade Vella son xa espazos libres de vehículos, así que o centro xa cumpre cos criterios europeos”. En todo caso, recalcou a rexedora, “as novas medidas medidas non supoñen nin restricións nin impedimentos para a mobilidade na cidade. O que si nos plantexamos é fomentar o transporte público e os espazos peonís, algo que está a dar moi bos resultados e a recabar apoios”, afirmou. Nese sentido, a alcaldesa insistiu en que A Coruña contará cunha plataforma tecnolóxica para mellorar a mobilidade, pero que esta non suporá novas restriccións nos accesos á cidade en ningún caso.