Usuarios do centro de maiores de Arteixo e alumnado do CEIP Ponte dos Brozos traballan conxuntamente nunha horta
O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, destacou hoxe a importancia das actividades interxeracionais como ferramenta para favorecer un envellecemento saudable, as relacións sociais e a aprendizaxe. Díxoo durante unha vista ao centro de día e residencia de Arteixo, pertencente á rede pública da Xunta de Galicia.
Perfecto Rodríguez, que estivo acompañado do alcalde desta localidade coruñesa, Carlos Calvelo, tivo ocasión de saudar aos usuarios das instalacións e ao alumnado do CEIP Ponte dos Brozos que se ocupan de coidar a horta que eles mesmos prepararon para cultivar. En concreto, dedicaron parte da xornada de hoxe a elaborar un espantallo.
O xerente do Consorcio aproveitou a visita para percorrer as instalacións do centro e compartir parte da mañá cos seus usuarios, entre eles, Juan Menéndez, afeccionado ás maquetas e protagonista do spot publicitario da Xunta en agradecemento ao persoal sociosanitario polo traballo que fixeron durante os momentos máis duros da pandemia da covid-19.
O centro público interxeracional de Arteixo ofrece servizos de centro de día, con 40 prazas; de residencia, con 64 praza; e de escola infantil de 0 a 3 anos, con 84 prazas e 6 unidades autorizadas.