Friday 22 de November de 2024

A Xunta anima aos galegos a votar antes de mañá polo proxecto transfronteirizo MigraMiño como Premio da Cidadanía Europea


— A actuación foi creada para mellorar o estado de conservación dos hábitats fluviais e das principais especies migratorias de peixes e abrangue cinco espazos Red Natura, dous deles en Galicia

— Trátase da única iniciativa de cooperación entre España-Portugal candidata á sexta edición do premio Natura 200 da Comisión Europea

A Xunta anima aos galegos a votar antes da xornada de mañá polo proxecto transfronteirizo Migra Miño- Minho, que opta ao Premio da Cidadanía Europea. Esta votación pública está aberta ao público da Unión Europea ata mañá, mércores 27 de abril.

Cómpre lembrar que o proxecto transfronteirizo Migra Miño-Minho, creado para mellorar o estado de conservación dos hábitats fluviais e das principais especies migratorias de peixes, opta ao Premio Natura 2000, convocado pola Comisión Europea.

Trátase da única iniciativa de cooperación entre España e o Norte de Portugal que conseguiu ser finalista na sexta edición dos galardóns, aos que concorreron un total de 40 proxectos presentados polos países membros da Unión Europea.

Co Premio Natura 2000 quérese recoñecer os esforzos realizados polos países europeos para protexer e restaurar os ecosistemas naturais mediante accións de conservación e sensibilización dos hábitats e das especies.

No caso do Migra Miño opta ao recoñecemento na categoría de Cooperación Transfronteiriza, ao igual que outras tres iniciativas de Austria, Francia e Alemaña. O proxecto gañador de cada apartado —cinco en total—, así como do Premio da Cidadanía Europea, darase a coñecer o vindeiro mes de maio durante a cerimonia de entrega que se celebrará en Bruxelas.

O ámbito de intervención do proxecto Migra Miño abrangue cinco espazos Red Natura 2000, dous deles en Galicia —Zona de especial conservación (ZEC) Baixo Miño e ZEC Río Tea—, e tres en Portugal —río Miño, Corno do Bico e estuarios dos ríos Miño e Coura—. As actuacións están centradas no tramo internacional do río Miño, desde o embalse de Frieira, na provincia de Ourense, ata a súa desembocadura.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda salientou esta mañá en Tui, desde onde animou aos galegos a votar por esta iniciativa, que acadar esta distinción suporía un recoñecemento ao traballo conxunto realizado entre Galicia e Portugal na protección da biodiversidade e na conservación da natureza.