Friday 22 de November de 2024

O Concello pon en marcha en Feáns, Mesoiro e Novo Mesoiro un plan especial de reforzo da limpeza que recorrerá todos os barrios da cidade


O dispositivo impulsado polo Goberno municipal reforza a retirada de pintadas e cartelería nos muros e paredes, así como tarefas de desbroce e eliminación de malas herbas

Ademais, esta semana renováronse 72 contenedores en Novo Mesoiro

O Concello da Coruña, a través da Concellaría de MedioAmbiente e Sustentabilidade, dou comezo esta semana ao plan especial de reforzo da limpeza que pasará por todos os distritos da cidade, unha intervención que suplementa o servizo ordinario cunha actuación a fondo e que arrancou esta semana por Feáns, Mesoiro e Novo Mesoiro.

Os traballos de reforzo da limpeza, explica a concelleira, Esther Fontán, organízanse en tres quendas diarias de mañá, tarde e tamén en horario nocturno. O dispositivo extraordinario componse de dúas máquinas baldeadoras e outras dúas máquinas varredoras de última
tecnoloxía para limpar os arcéns e a contorna dos contenedores, así como as beirarrúas.

Ademais, un equipo de peóns auxiliares complementa as intervencións executadas con varridos manuais.

Neste sentido, os operarios tamén traballan estes días na limpeza de pintadas e retirada de cartelería nos muros e paredes dos tres barrios, unha intervención que se complementa co plan de choque contra as pintadas posto en marcha polo Goberno de Inés Rey, actuando en centos de rúas da Coruña e atendendo ás peticións remitidas pola cidadanía á Oficina Virtual do Graffiti.

Ademais, e na quenda de noite, un furgón específico traballa na limpeza e lavado dos contenedores e papeleiras da zona, adaptadas ao modelo de nova fabricación que está homoxeneizando o Concello en todo o termo municipal desde o mes de xuño do ano pasado, reducindo a catro os diversos tipos de papeleiras.

Por outra banda, unha brigada de operarios está levando a cabo, en horario de tarde, tarefas de desbroce e eliminación de malas herbas na contorna das estradas e camiños de titularidade municipal que están situados en Feáns, Mesoiro e Novo Mesoiro.

O Concello renova 72 contenedores no barrio
Tamén esta semana, e no contexto do plan especial de limpeza nos distritos da cidade, o Concello renovou 72 contenedores de fracción inorgánica no barrio de Novo Mesoiro. Concretamente, nas rúas Fragas do Eume, Ribeira Sacra, Illa de Sálvora e un tramo da avenida de Novo Mesoiro.